O BNG de Vigo esixe a comparecencia de Abel Caballero e o cesamento da concelleira de Contratación pola sentenza do caso Guns N’ Roses

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista estuda demandar da Fiscalía que inicie actuacións para que “os responsábeis respondan diante da Xustiza”, após a sentenza do Contencioso número 2 de Vigo que acredita graves irregularidades por parte do Goberno municipal

Xabier P. Igrexas: “Este escándalo sen precedentes non pode quedar en nada, ou só nunha avultada factura de case 2 millóns de euros de todas as viguesas e vigueses”
O BNG de Vigo esixe a comparecencia de Abel Caballero e o cesamento da concelleira de Contratación pola sentenza do caso Guns N’ Roses

O Bloque Nacionalista Galego vén de esixir a comparecencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, perante o Pleno e o cesamento da edil de contratación, Patricia Rodríguez, polo escándalo Guns N’ Roses. Despois da sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 e Vigo, que constata as graves irregularidades xa advertidas polo BNG, a fronte nacionalista estuda tamén trasladar un escrito a Fiscalía para instala a iniciar actuacións para que “os responsábeis respondan diante da Xustiza”.

“Máis alá das implicacións administrativas e económicas, na sentenza queda acreditado que o Goberno municipal de Abel Caballero mentiu de maneira tan descarada como torpe”, valorou en rolda de prensa este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sobre o fallo xudicial que condena ao Concello a pagar un importe próximo aos 2 millóns de euros pola celebración do concerto.

A ese respecto, o Bloque reclamou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, compareza de maneira urxente perante o Pleno municipal para dar explicacións dunha vez sobre este escándalo. Nesa liña, o voceiro nacionalista demandou ao rexedor que permita crear unha comisión de investigación, xa solicitada sen éxito polo propio BNG durante o Pleno extraordinario promovido en setembro de 2023 e vetada polo grupo socialista, para “chegar até o fondo do asunto, caia quen caia”.

“O escándalo sen precedentes que supón o caso Guns N’ Roses non pode quedar en nada ou impune, ou só nunha millonaria factura que deberá ser abonada con diñeiro de todas as viguesas e vigueses”, advertiu Igrexas, asegurando que o Goberno municipal ten que responder tamén polas irregularidades xurídicas acreditadas na sentenza do Contencioso. Así, os servizos xurídicos do Bloque avalían xa a posibilidade de demandar á Fiscalía que inicie actuacións polos graves feitos constatados no fallo xudicial. “Os responsábeis deben responder diante da Xustiza”, remachou.

 

A sentenza acredita as graves irregularidades

Para o BNG, a sentenza deixa en evidencia “de maneira incontestábel” que o Goberno de Caballero non respectou os procedementos legais para a contratación pública. O fallo do Contencioso proba que existía un acordo e contactos previos coa promotora do concerto, demostrando que a carta de interese desvelada publicamente polo Bloque -malia as trabas do Goberno local para facilitar o acceso á documentación- non era un documento tipo como afirmaron varios membros do executivo. 

A sentenza constata tamén que o pretendido concurso público aberto para o patrocinio publicitario do concerto foi unha “farsa”, como denunciara a fronte nacionalista, pois foi deseñado ad hoc para financiar o concerto de Guns N’ Roses que xa estaba acordado previamente. “Os pregos estaban feitos a medida desa negociación contractual que se viña desenvolvendo entre as partes cos indispensábeis meses de antelación para a viabilidade da súa frutificación”, reza de forma literal o fallo.

Patricia Rodríguez non pode seguir no Goberno

Nesa mesma liña, o fallo xudicial aclara que as motivacións de simular un concurso aberto foi “outorgar vestimenta xurídica e formal adecuada a unha contratación preexistente que carecía dela”. Por estes motivos, o BNG considera imperativo que se retiren de inmediato as competencias da área de contratación e festas na concelleira Patricia Rodríguez pola súa responsabilidade directa nas irregularidades do concurso. “Non pode permanecer no Goberno da cidade nin un minuto máis”, remachou Igrexas.
O BNG de Vigo esixe a comparecencia de Abel Caballero e o cesamento da concelleira de Contratación pola sentenza do caso Guns N’ Roses