O BNG reclamará no Pleno de Vigo a mellora das conexións por tren: Media Distancia, Saída Sur e cercanías

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista traslada unha moción para demandar compromisos reais do Goberno español, e medidas por parte da Xunta e do Concello, para avanzar na rede ferroviaria da cidade e da súa área metropolitana

Xabier P. Igrexas: “É fundamental enfrontar os importantes e históricos déficits que ten a conexión por tren da maior cidade de Galiza”

O BNG reclamará no Pleno de Vigo a mellora das conexións por tren: Media Distancia, Saída Sur e cercanías

O Bloque Nacionalista Galego reclamará no Pleno de Vigo avanzar nas conexións por tren da cidade e da súa área metropolitana. A fronte nacionalista traslada unha moción á vindeira sesión plenaria, convocada para este próximo luns, para demandar compromisos reais do Goberno español, e tamén da Xunta e do Concello, para mellorar os servizos de Media Distancia, axilizar a Saída Sur de alta velocidade e para a posta en marcha dunha rede de cercanías, entre outras medidas.

“Na certeza de que é fundamental enfrontar os importantes e históricos déficits que ten a conexión por tren da maior cidade de Galiza”, valorou este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a presentación da batería de propostas nacionalistas para rematar coas “continuadas dilacións” destas infraestruturas.

Igrexas demandou en primeiro lugar actuacións urxentes na rede ferroviaria interna. Nese sentido, esixiu a mellora “substancial” dos servizos de Media Distancia con máis frecuencias e prazas ofertadas, con garantías de puntualidade e horarios adecuados ás necesidades da poboación, e completando a conexión directa con todas as cidades galegas. “É claro que a actual oferta non está á altura da demanda”, reprochou, afeando que non exista liña directa con Ferrol ou que o tren a Lugo tarde máis que a Madrid.

Sobre os horarios, dende o Bloque tacharon de “inexplicábel” que o último servizo de Media Distancia dende Vigo sexa ás 21:50h, cando a maioría de cidades do mesmo tamaño finalizan a partir das 23:00h. Do mesmo xeito, demandaron que o Goberno español actúe para evitar a constante saturación e impuntualidade dos trens, habilitando un plan de incidencias e de transporte alternativo así como a rectificación dos requisitos para a devolución dos billetes en caso de incumprimento dos horarios.

Saída Sur, no horizonte de 2030

Dende ao BNG criticaron tamén os “escasos avances” para a materialización da Saída Sur de alta velocidade con Porto. Por este motivo, demandan na súa moción un compromiso real en termos orzamentarios que permita a posta en marcha desta infraestrutura no horizonte do ano 2030, na liña das estimacións do país veciño. 

“Falamos dunha conexión absolutamente estratéxica tanto para Vigo e a súa área, como para  o conxunto de Galiza, que permitiría reforzar o papel da área viguesa como motor da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, configurando Vigo como un nodo ferroviario de primeira magnitude”, destacou Igrexas.

Porén, o portavoz municipal nacionalista acusou aos sucesivos Gobernos españois, en mans de PP ou de PSOE, de demorar o seu desenvolvemento por “falla de vontade”. Así, afeou que o novo estudo informativo para a Saída Sur non vaia ser realidade até o primeiro trimestre de 2025 e que as obras, segundo recoñeceu o propio ministerio, non se vaian iniciar antes do ano 2029.

Mentres non se fai realidade, subliñou Igrexas, urxe a mellora da actual conexión con máis frecuencias do chamado Tren Celta. “Non existe outra área transfronteiriza en Europa que una dúas grandes áreas como Vigo e  Porto que presente unha conexión ferroviaria tan raquítica, con apenas 2 frecuencias ao día, nun tren obsoleto e lento”, dixo.

Rede de cercanías

Outros dos eixos prioritarios en materia ferroviaria, a xuízo do Bloque, pasa por dotar Vigo dunha rede de cercanías que conecte a cidade polo norte coa área de Pontevedra e polo sur con Tui. Unha medida que permitiría facer do tren unha alternativa real ao transporte por estrada e coa que xa contan cidades do Estado con menor poboación que Vigo e a súa área de influencia.

Dende o BNG demandan na súa moción ao Pleno que o Goberno español licite de inmediato o estudo que permita implantar o tren de proximidade e garantir a súa entrada en funcionamento antes do remate da actual lexislatura, tal como se comprometeu no acordo de investidura.

Galtren

No relativo á Xunta, a moción do Bloque defende a necesidade de contar cun ente xestor ferroviario propio, o denominado Galtren, que xestione os servizos de Media Distancia e de proximidade. Para iso, a fronte nacionalista chama a negociar a transferencia a Galiza da xestión da rede ferroviaria interna e a licitación dun estudo e dun anteproxecto de lei para a creación deste ente ferroviario galego.

Mellores conexións entre Guixar e Urzaiz

A respecto do Goberno municipal, o BNG considera necesario mellorar a conexión entre as dúas estacións de tren da cidade, Guixar e Urzaiz. “Cuestión que non se resolveu coa instalación do millonario ascensor HALO, nomeadamente na perspectiva de que Guixar poida asumir no futuro os servizos ferroviarios de proximidade”, salientou Igrexas. Nesa liña, pediu estudar a implantación dunha liña lanzadeira que conecte de maneira coordinada ambas terminais adaptada ás frecuencias dos trens.

CONSULTA A MOCIÓN COMPLETA

O BNG reclamará no Pleno de Vigo a mellora das conexións por tren: Media Distancia, Saída Sur e cercanías