O BNG de Vigo defenderá no Pleno superar o modelo “obsoleto, antiecolóxico e caro” de SOGAMA
A fronte nacionalista rexeita o “atraco” de SOGAMA que suporá un aumento do 60% dos custes
Xabier P. Igrexas: “Non se trata só de dicir non a un tarifazo arbitrario e inxusto, senón de dar o debate dunha vez por todas sobre como xestionamos os residuos, unha das grandes materias pendentes”
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no vindeiro Pleno do Concello de Vigo, convocado para o próximo luns, o total rexeitamento ao “atraco” de SOGAMA que suporá un aumento do 60% dos custes en menos dun ano pero tamén necesidade urxente de superar o actual modelo de xestión de biorresiduos.
“A Xunta do Partido Popular pretende facer pagar á veciñanza moito máis por un sistema de xestión de residuos obsoleto, contaminante e caro, moi caro”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Un modelo que só beneficia a Gas Natural (que ten o 49% de SOGAMA) e a empresas amigas do PP como o Grupo Valtalia-Copasa, quen recibiu de SOGAMA nos últimos anos 700 millóns en contratos”, acrecentou.
O portavoz municipal nacionalista defende que “é hora dun xiro na política de residuos, que prime e incentive a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao custoso e antiecolóxico sistema SOGAMA baseado na incineración do lixo”.
Con ese obxectivo, a fronte nacionalista demandará no Pleno que a Xunta de Galiza poña en marcha unha comisión de traballo que defina un novo modelo de xestión de bioresiduos, coa participación dos propios concellos. Un novo modelo, explican, que permita avanzar cara ao obxectivo de acadar un 50% de reciclaxe, que é o que establece a normativa europea, estatal e galega para 2025, moi por acima do raquítico 13% que se recicla na actualidade na nosa cidade, que pivote no tratamento de proximidade e que aposte con firmeza pola compostaxe.
“Non se trata só de dicir non a un tarifazo arbitrario e inxusto, senón de dar o debate dunha vez por todas sobre como xestionamos os residuos, unha das grandes materias pendentes”, remachou Igrexas.