Ana Pontón: “Se o PP veta a comisión de investigación sobre o sobrecusto do Álvaro Cunqueiro, admitirá a súa culpabilidade”
A portavoz nacional do BNG reclama ao Executivo de Rueda que non se agoche e aclare a fraude pola que a cidadanía pagou 470 M€ de máis por un hospital con menos camas
Xabier P. Igrexas: "O Bloque volvemos esixir o rescate da concesión privada do Álvaro Cunqueiro para garantir que a área sanitaria de Vigo ten un hospital 100% público"
A portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou en Vigo que espera que o PP non vete a comisión de investigación sobre o sobrecusto de 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro que solicitará o BNG no Pleno do Parlamento do próximo martes porque, de facelo, “estará recoñecendo a súa culpabilidade”.
“O que lle pedimos ao Partido Popular é que non vete a creación desta comisión de investigación”, explicou Pontón para advertir a continuación que, do contrario, o PP “estará recoñecendo que ten moito que ocultar”. “Pedímolles que non se esconda, que dea a cara, e que se non ten nada que ocultar, que apoie a creación desta comisión”, incidiu.
A líder nacionalista reclamou deste xeito “luz e taquígrafos” sobre este escandaloso sobrecusto desvelado polo Consello de Contas “nun informe demoledor”, afondou, “que pon o foco na mala xestión dos recursos públicos que fai o PP, por riba, a costa de algo tan importante como a sanidade do País”, indicou nunha comparecencia ante o propio centro hospitalario na que estivo acompañada das deputadas Carmela González e Alexandra Fernández e do portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.
Neste sentido, cuestionou por que a cidadanía tivo que pagar 470 millóns de máis -“que deixaron de inverterse na sanidade pública para engordar os beneficios das empresas concesionarias”, advertiu- por un hospital que ademais é “máis pequeno e con menos camas do que estaba previsto”. En concreto, 700 camas menos, 12.000 metros cadrados menos de superficie e de 16.000 m2 menos de aparcamento. “Un escándalo”, sintetizou.
Por iso, defendeu a creación da comisión de investigación que pedirá o BNG o próximo martes, no primeiro pleno parlamentario do inicio de curso político. “O Partido Popular ten que dar explicacións e ten que permitir que o Parlamento investigue un sobrecusto que é un auténtico escándalo”, recalcou.
Investigación das irregularidades na contratación da Xunta a empresas amigas
Unha comisión de investigación que, segundo Pontón, non só ten que analizar “esta fraude”, senón tamén “todas as irregularidades e nepotismo” que se está producindo na contratación da Xunta. “Non só temos un sobrecusto de 470 millóns no hospital de Vigo, senón que tamén hai casos escandalosos como os 1.300 contratos adxudicados a dedo a EULEN, que en Galiza dirixe a irmá de Núñez Feijóo”, exemplificou.
A portavoz nacional censurou deste xeito que “o Partido Popular leve anos metendo a man na carteira dos galegos e das galegas” para beneficiar a empresas dirixidas por familiares dos seus altos cargos e a empresas que “son amigas deste partido”.
Por iso, avanzou que o BNG chegará “ata o fondo” para que o PP “asuma as súas responsabilidades” porque, segundo concluíu, non só a veciñanza de Vigo, senón o conxunto da cidadanía do País, “ten dereito a saber” por que hai un sobrecusto de 470 millóns nun hospital no que se privatizou a súa construción, así como unha parte importante do seu funcionamento, e que por riba é máis pequeno e ten menos camas do previsto inicialmente.
Vigo, epicentro das privatizacións e os recortes na sanidade
Nesta mesma liña, o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, afirmou que este escandaloso sobrecusto demostra como a imposición do modelo que o PP quixo para o Álvaro Cunqueiro foi, na práctica, “o epicentro dese terremoto que, a golpe de privatizacións e recortes, converteu a área sanitaria de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”.
“Un hospital recortado en prestacións, pero moi engordado en sobrecustos, en beneficio das empresas privadas”, recalcou, logo de recordar que o PP é experto en “drenar e retirar recursos da sanidade pública para llos transferir ás súas empresas amigas da sanidade privada”, tal e como acontece coa UTE do Álvaro Cunqueiro, co concerto singular de Povisa ou coa crecente externalización e derivación de pacientes a centros da sanidade privada.
Pérez Igrexas recordou que a cidadanía da área sanitaria de Vigo tense manifestado de maneira unánime en contra do modelo do PP e exixido a súa rectificación e, neste sentido, reclamou o rescate desta concesión privada, “o rescate deste modelo privatizador do Hospital Álvaro Cunqueiro, para garantir que as viguesas e os vigueses e o conxunto da poboación da área sanitaria conseguimos ter o hospital cento por cento público, suficientemente dotado e nas condicións que merece a maior cidade deste País”, concluíu.