O BNG pregunta polo traspaso de titularidade da avenida de Madrid e o proxecto para o Jonathan's
O Bloque Nacionalista Galego presentou no pleno de hoxe dúas preguntas por escrito. Na primeira delas, a portavoz municipal do BNG preguntou ao goberno local se o ministerio de Fomento comunicou oficialmente do traspaso da avenida de Madrid ao Concello de Vigo, despois de ceder á reclamación feita polo Bloque desde o 2001.
Iolanda Veloso sinalou que este traspaso se realizou sen acometer as melloras que precisa o vial desde hai moitos anos e sen partida económica para facelos, polo que preguntou se se o goberno local vai asumir este custe económico. Ao respecto o alcalde respondeu que non se fixo ningún traspaso.
Por outro lado, a portavoz nacionalista inquiriu ao goberno local polo seu proxecto para o inmoble do local na praia de Samil coñecido como Jonathan's. Preguntou se procederá ao seu derrubo, igual que ten proxectado para o antigo restaurante As Dornas, dando un paso máis na recuperación das prais. Nesta cuestión o alcalde contestou que o goberno o está estudando.
Apoio mocións PSOE
No debate plenario o BNG apoiou outras mocións presentadas polos outros grupos políticos. Así, votou a favor da proposta presentada polo PSOE que insta á Xunta a retirar a denuncia interposta contra os representantes dos traballadores de Povisa. Ao respecto, o concelleiro Xabier Alonso criticou que a Consellería de Sanidade non se implicara na solución do conflito. É impresentable que unha responsable política non escoite as demandas e denuncie penalmente aos representantes dos traballadores, asegurou.
O Bloque tamén respaldou a proposta do grupo socialista para que os fondos da Fundación Novacaixagalicia permanezan en Vigo. Porén, o concelleiro Santi Domínguez calificou esta moción de oportunista, en canto que o goberno local non deu resposta á moción presentada polo BNG no mes de maio instando ao alcalde a recabar información sobre o patrimonio desta fundación e os seus postos de traballo. O BNG di claramente que a colección de NCG debe quedar Vigo, concluiu.
Apoio mocións PP
A respecto das mocións presentadas polo grupo popular, o BNG votou a favor de que o Concello de Vigo formalice a súa solicitude para incorporarse á Rede de Cidades pola Accesibilidade. Porén, Iolanda Veloso instou a PP e PSOE a facer un esforzo para ir máis aló de coñecer propostas de outras cidades e que fagan propostas que melloren a calidade de vida da cidadanía. Lembrou ademais que cando o BNG tivo responsabilidade nesta materia Vigo recibiu o premio por parte de Cocemfe pola actuación en 23 inmobles municipais para facelos accesibles.