Iolanda Veloso critica a falta de vontade política do PP para salvar Peinador
A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, ao remate da reunión dos grupos municipais sobre Peinador celebrada hoxe, manifestou que o PP, nas diferentes administracións nas que goberna, non está tomando as decisións que permitan facer rendíbel o aeroporto de Vigo, e que ten diferentes posicións nas diferentes institucións nas que actúa. Segundo a portavoz, O PP, tanto na Xunta como no goberno do estado ten que tomar decisións que rematen con esta situación, teñen que garantir o servizo público, e adoptar medidas que fomenten a complementariedade e viabilidade dos tres aeroportos. No canto disto, dedícanse a financiar a compañías aéreas privadas, o que supón unha distorsión e non unha solución ao funcionamento dos aeroportos.
A voceira municipal do BNG, na súa comparecencia de hoxe, lembrou tamén ao alcalde a súa obriga de defender a viabilidade de Peinador onde ten que facelo, no Comíté de Coordinación, xa que as axudas municipais non son as que van salvar o aeroporto. Entregarlles cartos públicos ás empresas privadas non sirve para resolver os problemas do aeroporto de Vigo, senón para estar permanentemente chantaxeados por elas. Os cartos municipais deben dirixirse, e máis nestes momentos, a resolver as necesidades básicas da cidadanía.
Na reunión de hoxe presentouse a proposta que AENA formulou ao Comité de Coordinación dos Aeroportos Galegos, e que segundo Iolanda Veloso é unha proposta descompensada que non busca conseguir un sistema aeroportuario galego forte e competitivo: non se trata de competir entre nos os tres, trátase de ser competitivos diante de outros aeroportos, como por exemplo o de Sá Carneiro. Lembra Iolanda Veloso que a posición preponderante de un dos aeroportos está lonxe da complementariedade que se debería buscar.
O BNG lembra que esta situación ten que rematar, e que só o fará se aqueles que teñen as competencias toman decisións. Desde o grupo municipal ínstase á Xunta de Galicia a asumir o aprobado no mes de xuño no parlamento galego a iniciativa do BNG, aprobado cos votos do PP, no sentido de adoptar medidas que fomenten a complementariedade dos tres aeroportos galegos e de deseñar estratexias e medidas a medio e longo prazo, que fagan competitivo e viábel o sistema aeroportuario galego. Íntase tamén ao goberno do estado a abandoar as propostas de privatización dos servizos aeroportuarios e asumir conxuntamente coas demás institucións a defensa do servizo público.