Aprobada por unanimidade a moción do BNG que reclama a anulación dos expedientes aos emigrantes
O Bloque Nacionalista Galego acadou o respaldo unánime do pleno para reclamar ao goberno do Estado que anule todos os expedientes sancionadores instruidos pola Axencia Tributaria aos emigrantes retornados beneficiarios de pensións no estranxeiro. Tamén se aprobou a manifestación de apoio por parte do Concello a todos os veciños e veciñas afectados, así como o inicio dunha campaña informativa.
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou na defensa da moción que é claro que estas persoas en ningún caso tiñan intención de defraudar, en tanto que presentaron as súas correspondentes declaracións da renda. Apuntou asemade que estas persoas non recibiron ningún tipo de información en relación coa obriga de declarar as contías das súas pensións no estranxeiro.
Iolanda Veloso sinalou que Galiza padeceu, e continúa padecendo, unha emigración brutal, de xeito que moitas das persoas emigrantes, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, e como beneficiarias de pensións que perciben de estados estranxeiros, están recibindo requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas.
Segundo explicou, eses requirimentos estanse producindo nos últimos días de forma masiva en toda Galiza afectando a milleiros de persoas pensionistas retornadas, pese a que nunca recibiron ningún tipo de información en relación con esa obriga. Para a portavoz nacionalista resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían, precisamente cando os evasores fiscais se benefician de amnistías.
Cumprimento do regulamento
Por outro lado, o grupo municipal nacionalista ausentouse temporalmente da sesión plenaria en sinal de protesta despois de que o goberno local decidira non cumprir o regulamento do pleno eliminando da orde do día unha moción presentada sobre este mesmo tema polo grupo socialista.
As mocións son sobre o mesmo asunto, senón non pedirían que se debatisen conxuntamente, polo que só se debería tratar a primeira rexistrada, destacou Iolanda Veloso, quen reiterou a demanda do Bloque ap goberno municipal para que se cumprise o regulamento do pleno.