‘Fábrica Cultural de Teis’, a proposta do BNG para crear un grande espazo para a creación artística en Vigo
A fronte nacionalista propón nun encontro con creadoras e creadores da cidade a rehabilitación da antiga fábrica de pinturas en Teis, abandonada e de titularidade municipal, para promover unha dotación pública para a cultura de 2 mil metros cadrados
Xabier P. Igrexas: “O BNG queremos con este proxecto pasarmos dunha cidade consumidora de cultura a unha cidade creadora de cultura”
Ana Pontón: “Hai que brindar un maior apoio e alento desde as administracións á creación cultural, nas súas máis diversas expresións e disciplinas”
O Bloque Nacionalista Galego propón crear a ‘Fábrica Cultural de Teis’, un grande espazo cultural para a creación artística en Vigo. A fronte nacionalista presenta unha das principais liñas en materia de cultura do seu programa electoral cara as eleccións municipais do 28 de maio, unha proposta que pasa pola rehabilitación da antiga fábrica de pinturas en Teis, abandonada e de titularidade municipal, para promover unha dotación pública para a cultura de 2 mil metros cadrados.
Así o anunciou publicamente este venres o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras manter un encontro con creadoras e creadores culturais -dos sectores audiovisual, da música e danza tradicionais, artes visuais, escénicas, música, artesanía e literatura- ademais de representantes da Asociación Veciñal de Teis.
“Queremos recuperar e poñer en valor este espazo no corazón dun barrio obreiro como Teis, que forma parte do patrimonio industrial da nosa cidade, para o converter nunha grande dotación pública que estimule e potencie a creación artística en todas as disciplinas”, explicou Igrexas.
O candidato nacionalista en Vigo chamou a deixar atrás as políticas de “desertización cultural” dos últimos anos apostando decididamente polo apoio á creación cultural na nosa cidade facendo de Vigo o grande berce da vangarda cultural de toda Galiza. Avanzou, nese sentido, que esta proposta de ‘Fábrica Cultural de Teis’ inclúe unha programación permanente, espazos para residencias artísticas tanto nacionais como internacionais, laboratorios de experimentación, ensaios, actividades formativas, exhibicións e actuacións, dando resposta ás necesidades e demandas do sector cultural da cidade.
“Un espazo de convivencia das creadoras e creadores onde teñan a posibilidade material de dar a coñecer o enorme talento que latexa en Vigo”, defendeu Igrexas, que avanzou que con este proxecto o BNG busca “pasarmos dunha cidade consumidora de cultura a unha cidade creadora de cultura”, fronte ás actuais políticas do Concello que acabaron nos últimos anos con máis dunha vintena de programas culturais.
O BNG como potenciador da cultura en Vigo
O concelleiro do Bloque valorou que esta ‘Fábrica Cultural de Teis’ permitirá dar un “gran salto adiante
en materia de política cultural, garantindo que o Concello deixe de ser un obstáculo para ser un grande potenciador da creación cultural, como sempre fixo o BNG cando fomos unha forza determinante en Vigo”. Puxo como exemplo iniciativas como os programas Vigo Escena, os Castroconcertos, Artistas na Rúa 3+2 ou Vigosónico.
Sobre o espazo proposto, o edil nacionalista lembrou que esta antiga fábrica de pinturas de 2 mil metros cadrados é propiedade municipal desde 2001 e “está hoxe en estado ruinoso criando mato e roedores” polo abandono do Concello. Sinalou ademais que existen outras experiencias similares a nivel europeo, como o uso dos antigos matadoiros en Francia, a reconversión de antigas fábricas en Guimarães ou Coimbra, e con exemplos tamén a nivel galego como a recuperación do Vello Cárcere de Lugo ou a Casa Vella de Allariz.
Ana Pontón defende recuperar o pulso cultural de Vigo
Na mesma liña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu a necesidade de recuperar o pulso cultural de Vigo como cidade que sempre foi vangarda. “En Vigo xurdiron algunhas das principais industrias culturais claves no renacer da nosa cultura e movementos artísticos e musicais que marcaron fitos, tanto na renovación como na internacionalización da nosa cultura”, indicou.
Tamén puxo o foco no potencial que aporta ao sector cultural a veciñanza con Portugal, propoñendo abrir “vías de comunicación” coa cultura lusa para facilitar “sinerxías” a ambos lados da fronteira, en particular entre as dúas grandes cidades atlánticas que son Vigo e Porto. “Vigo é a porta por onde comunicarnos co mundo da lusofonía, un espazo amplo e rico no que difundir a nosa cultura”, destacou Pontón, quen apostou por dar apoio aos creadores e creadoras do País fronte a unha “mera política do espectáculo”.
Para o BNG, recalcou a portavoz nacionalista, “hai que brindar un maior apoio e alento desde as administracións á creación cultural, nas súas máis diversas expresións e disciplinas, con políticas que promovan a calidade da formación artística, a innovación nos procesos de traballo e a visibilidade social da xente da cultura e das súas creacións”.