O BNG reclama ao Goberno español que free de forma urxente as obras de recheo no Berbés de Vigo
O deputado no Congreso, Néstor Rego, levará unha nova iniciativa na cámara para paralizar o aterramento promovido polo PP desde a Autoridade Portuaria.
Xabier P. Igrexas: “Estamos a tempo de parar esta agresión ambiental coa que se quere cementar oito mil metros cadrados máis da nosa Ría”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar novas medidas para a paralización urxente do recheo que se está a levar a cabo na zona portuaria do Berbés. O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, promoverá unha iniciativa para que o Goberno español -que deu autorización para a obra impulsada desde a Autoridade Portuaria- poña freo a este novo aterramento na ría de Vigo.
“Entendemos que este novo recheo nin é necesario desde o punto de vista do funcionamento do porto nin moito menos aceptábel desde o punto de vista ambiental”, manifestou Rego tras visitar a zona onde se están a realizar as obras. “É unha actuación absolutamente inxustificábel á altura do século XXI”.
O deputado da forza nacionalista denunciou a complicidade do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos por autorizar este novo aterramento promovido polo PP desde a Autoridade Portuaria de Vigo. Unha aprobación que se levou adiante pese as advertencias previas do BNG, desatendendo as iniciativas parlamentarias presentadas desde a fronte nacionalista co obxectivo de paralizar o proxecto.
A tempo de paralo
“Desde o BNG consideramos que aínda se está a tempo de parar esta obra que supón cementar oito mil metros cadrados máis do noso principal valor ambiental”, manifestou o portavoz municipal da fronte nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas. “É por iso que imos continuar na nosa ofensiva institucional e social, tanto no Concello como no Congreso, para esixir que non se leve a termo este recheo intolerábel froito da teimosía depredadora do PP”.
Igrexas criticou tamén a inacción do Goberno municipal para paralizar o aterramento. Recordou nese sentido que o PSOE vetou no Pleno de Vigo a finais de 2019 unha moción do BNG onde se esixía a fin dos recheos na cidade. “Fomos a única forza política que desde o primeiro momento manifestamos a nosa radical oposición”, destacou.
Desde o BNG recordaron que o porto de Vigo carece de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios e que os recheos xa teñen gañado ao mar por volta de tres millóns de metros cadrados na ría de Vigo. Por estes motivos, a forza nacionalista chamou a frear de forma urxente “esta nova agresión contra un ecosistema privilexiado” e poñer fin dunha vez aos aterramentos no litoral vigués.