O BNG de Vigo esixe responsabilidades á Subdelegada do Goberno pola represión policial na folga de Vitrasa
Xabier P. Igrexas: “Son inaceptábeis e intolerábeis as imaxes de violencia policial intentando impedir que o comité de folga e o persoal poidan exercer os seus dereitos”.
A forza nacionalista denuncia a complicidade do Goberno municipal coa dirección da empresa de bus urbano en Vigo por desatender as “lexítimas e razoábeis” reivindicacións das traballadoras e traballadores de Vitrasa.
O Bloque Nacionalista Galego vén de esixir explicacións e responsabilidades á Subdelegada do Goberno en Pontevedra, a socialista Maica Larriba, pola actuación policial “represiva e desproporcionada” na folga en Vitrasa. A forza nacionalista cualifica de “inaceptábeis e intolerábeis” as imaxes de violencia policial que se viviron este venres durante o reinicio das xornadas de protesta do persoal polo incumprimentos da empresa concesionaria do bus urbano en Vigo.
“O dispositivo da Policía Nacional decidiu actuar como unha especie de servizo de seguridade privada ao ditado dos intereses da dirección de Vitrasa en vez de garantir o dereito fundamental de folga”, criticou o portavoz municipal do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas. “Unha actuación violenta, empurrando e golpeando a traballadoras e traballadores e que acabou saldándose con cando menos dúas persoas danadas”, engadiu.
Igrexas denunciou ademais que non se permitiu á representación do persoal exercer os seus dereitos para garantir as debidas condicións no inicio da xornada. “Negouse a entrada ao comité de folga ás instalacións da empresa de maneira abertamente ilegal e impediuse que puidese garantir que os servizos mínimos estaban debidamente identificados, tal e como é obrigatorio, para evitar que a empresa falsifique os mesmos”, detallou.
O concelleiro do BNG de Vigo acusou á dirección de Vitrasa e ao Goberno municipal de prolongar de forma deliberada o conflito laboral e non buscar unha solución por “absoluta intransixencia” ao desatender as “lexítimas e razoábeis” demandas das traballadoras e traballadores do servizo de bus urbano, que veñen denunciando durante meses reiterados incumprimentos e vulneracións dos seus dereitos laborais.
“O persoal xa sabía que o Goberno municipal do PSOE está en complicidade coa dirección de Vitrasa dándolle as costas aos dereitos do propio persoal e aos intereses xerais da cidade”, sinalou Igrexas. “Pero dende logo o que é inaceptábel é que se lle engada unha complicidade activa en forma de represión, que entendemos non se pode tolerar”.