O BNG reclama o consenso para resolver os problemas de Peinador
A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, na súa comparecencia de hoxe denunciou que máis dunha semana despois da celebración do pleno extraordinario sobre a situación de Peinador, o alcalde non está cumprindo ningún dos acordos alí adoptados por maioría.
O BNG lembra que no pleno do pasado día 1 acordouse constituir, no prazo de sete días, un grupo de traballo con representación das forzas políticas, para propoñer, debatir e consensuar propostas e medidas concretas para reactivar o aeroporto de Peinador, e que a día de hoxe nada sabemos desa convocatoria.
En opinión da portavoz municipal, é preciso facer un frente común de defensa de Peinador. Semellaba que estabamos frente a unha oportunidade, que o pleno supuxera un punto de inflexión para recuperar o consenso, e nos topamos con que o alcalde en minoría fai propostas nos medios de comunicación, como se fose o chairego solitario, e así non é como o aeroporto de Vigo vai sair da situación na que está.
Segundo a nacionalista, neste momento de crise en tantos sectores da nosa cidade, o que Vigo precisa é outra maneira de facer política: é preciso facer un frente común entre as forzas políticas e os axentes sociais e económicos, tal e como onte mesmo se fixo no Consello Social da Cidade cun problema prioritario na nosa cidade: o tax lease e o naval.
Iolanda Veloso manifestou a súa preocupación polo incumprimento dos acordos, o último que precisamos neste momento é enfrontamentos entre PP e PSOE, entre o concello e a Xunta ou a administración do Estado, non se trata dunha loita partidista, na que parece que canto pior lle vaia a Vigo, mellor lle vai a algúns.
A portavoz nacionalista fixo fincapé na necesidade de negociar e consensuar nese grupo de traballo unha posición conxunta para defender o aeroporto de Vigo, para reclamar das administracións competentes en materia aeroportuaria medidas non só relativas ao mapa de rutas, senon tamén medidas a medio e longo prazo, na liña dos acordos adoptado no pleno do pasado luns.
O BNG advírtelle ao alcalde que este non é o camiño, que non vai valorar ningunha proposta que non se poida debater e que non coñeza directamente, e non a través dos medios de comunicación.