O BNG reclama a fin do “acoso inmobiliario” da Sareb contra a veciñanza da Privada Moderna en Vigo
A fronte nacionalista esixe que o Goberno español e municipal actúen con urxencia para frear o intento de expulsión das seis familias da urbanización, para realizar as obras de reparación necesarias e para destinar a alugueiro social as restantes 40 vivendas tapiadas
Néstor Rego: “É incompatíbel este comportamento propio dun fondo voitre co anuncio feito por Pedro Sánchez de mobilizar os activos da Sareb para alugueiros accesíbeis”
Xabier P. Igrexas: “O goberno de Abel Caballero está actuando como cómplice deste acoso en lugar de realizar as reparacións necesarias para logo pasar a factura á Sareb”
O Bloque Nacionalista Galego reclama a fin do “acoso inmobiliario” da Sareb contra a veciñanza da rúa Privada Moderna en Vigo. A fronte nacionalista esixe que o Goberno español e municipal actúen con urxencia para frear o intento de expulsión das seis familias que residen actualmente nesta urbanización, para realizar as obras de reparación necesarias e para destinar a alugueiro social as restantes 40 vivendas tapiadas polo chamado ‘banco malo’ nesta rúa do barrio do Calvario.
“O comportamento da Sareb é absolutamente inaceptábel, máis propio dun fondo voitre que dunha entidade de titularidade pública”, denunciou o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, após manter unha xuntanza coa veciñanza da Privada Moderna xunto co concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Rego volveu trasladar iniciativas no Congreso diante da insistencia do ‘banco malo’ nas prácticas de acoso contra as familias desta urbanización viguesa. “Existe unha sentenza que obriga a Sareb a reparar as vivendas”, subliñou o deputado nacionalista, que reclamou ademais que o Goberno español dea instrucións para que a Sareb retire o recurso de apelación presentado contra este fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Nese sentido, o voceiro do BNG no Congreso cualificou de “incompatíbel” este comportamento co recente anuncio feito polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, de mobilizar os activos da Sareb para destinalos a arrendamentos accesíbeis. “Precisamente as seis vivendas ocupadas de Privada Moderna están en alugueiro e pretenden desaloxalas e mentres teñen pechados o resto dos 40 pisos”, reprochou.
O Goberno municipal, “cómplice do acoso”
Pola súa banda, o concelleiro e candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo denunciou que a “inacción cómplice” do Goberno municipal agravou estas prácticas da Sareb. “Leva moitos meses negándose a atender a esixencia que dende o BNG trasladamos de forma reiterada para que se proceda á execución subsidiaria das medidas de carácter urxente que garantan a seguridade e a habitabilidade das vivendas”, lamentou Igrexas, que criticou que o Concello tan só impuxera multas por importe de tres mil euros ao ‘banco malo’ por ter ignorado este requirimento municipal durante cinco anos.
Así, Igrexas volveu reclamar estas actuacións urxentes na última sesión da Xerencia de Urbanismo, celebrada este pasado martes.
“A veciñanza de Privada Moderna ten dereito a poder seguir residindo nas súas vivendas”, defendeu o edil do Bloque
Trasladou o total apoio das nacionalistas a esta demanda e a disposición a exercer todas as accións necesarias, incluídas tamén aquelas de alcance xurídico, para rematar con este acoso. Ademais, insistiu na necesidade de que as vivendas tapiadas pola Sareb se destinen canto antes a usos sociais diante do “brutal impacto” do incremento de prezos na cidade que, no caso dos alugueiros, rexistraron un aumento do 50% no último lustro. “Hoxe no Calvario hai ofertas inmobiliarias inasumíbeis, con arrendamentos de case mil euros mensuais para pisos de apenas 90 metros cadrados”, remachou.