O BNG de Vigo esixe unha rectificación inmediata da Xunta por derivar a atención telefónica cando non haxa pediatra
A fronte nacionalista cualifica de “escándalo inaceptábel” esta instrución do Sergas e anuncia iniciativas no Parlamento galego para garantir a atención sanitaria presencial das crianzas en todos os centros de saúde da cidade
Xabier P. Igrexas: “A Delegada da Xunta en Vigo e candidata do PP ten que dar explicacións, non hai lona xigante que poida tapar a brutal ofensiva do seu partido en contra da sanidade pública”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe unha rectificación da Xunta de Galiza por derivar a atención telefónica as consultas de pediatría cando non haxa profesionais dispoñíbeis. A fronte nacionalista cualifica de “escándalo inaceptábel” esta instrución do Sergas e anuncia iniciativas no Parlamento galego para garantir a atención presencial das crianzas todos os días do ano e en todos os centros de saúde da cidade.
“Esta medida é un paso máis, un paso moi preocupante, dentro desa brutal política de recortes e privatizacións que xa converteu a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”, alertou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu de que esta decisión pon en risco a saúde das nenas e nenos vigueses.
Igrexas asegurou que as familias da cidade o que precisan é que se atendan ás crianzas de maneira presencial por persoal de pediatría e non por unha liña telefónica. Lembrou, nese sentido, que as crianzas de Vigo levan moitos anos desatendidas durante os meses de verán, precisamente, pola falla de persoal médico.
O edil nacionalista interpelou ademais á Delegada Territorial da Xunta en Vigo e candidata do PP, Marta Fernández-Tapias, para reclamarlle “que dea a cara” e explique os motivos para esta decisión do Sergas. “Non hai lona xigante nin fotografía sorrinte que poida tapar nin un minuto máis a brutal ofensiva do seu partido en contra da sanidade pública”, reprochou.