O BNG de Vigo comprométese a multiplicar por catro os recursos para políticas municipais de emprego
A fronte nacionalista propón destinar un mínimo de 20 millóns de euros no vindeiro mandato diante do aumento do desemprego, a principal preocupación das viguesas e vigueses
Xabier P. Igrexas: “O futuro de Vigo pasa por blindar actividades estratéxicas na industria e polo seu potencial como cidade universitaria, e non polo monocultivo de luces de nadal nin do Xacobeo”
O Bloque Nacionalista Galego comprométese a multiplicar por catro os recursos orzamentarios destinados a políticas municipais de emprego e de promoción económica. Así o anunciou este martes o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que propón destinar un mínimo de 20 millóns de euros no vindeiro mandato diante do aumento do desemprego, a principal preocupación das viguesas e vigueses.
“Estes últimos catro anos tiveron unha moi preocupante evolución dende o punto de vista laboral con 1.500 postos de traballo menos na nosa cidade”, denunciou Igrexas, que presentou un estudo elaborado pola fronte nacionalista en base aos últimos datos oficiais da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que constatan o “brutal agravamento” do contexto de crise social, laboral e produtiva en Vigo durante o actual mandato.
Unha destrución de emprego que, advertiu o edil do Bloque, está afectando con especial gravidade ás mulleres. “A ocupación masculina superou o nivel de ocupación anterior ao inicio da pandemia, mentres que a feminina rexistra até 3.400 mulleres menos traballando nestes momentos”, asegurou.
Igrexas alertou da continuada “desertización” produtiva na cidade, con 6.800 postos de traballo menos en actividades industriais comparado co primeiro trimestre de 2020
Neste sentido, cuestionou o avance da “terciarización da economía”, con cada vez maior peso do sector servizos que ofrece empregos “máis inestábeis, precarios e de menor calidade.
Outro dos indicadores “preocupantes”, a xuízo do BNG, é a perda de traballadoras e traballadores no sector privado, 4.300 menos que no inicio do mandato, e a destrución de preto do 13% do traballo que representa o empresariado, persoas autónomas e profesionais independentes. Así, o único emprego neto xerado nos últimos anos foi no sector público.
Refutan os retornos do nadal de Caballero
“Estes datos refutan os retornos económicos imaxinarios do nadal de Abel Caballero”, subliñou o concelleiro nacionalista, que considerou “imposíbel” que unha actividade que xera máis de mil millóns de euros, segundo afirma o alcalde, non se traduza nun aumento dos postos de traballo na cidade. “O que estamos a constatar é o contrario, que hoxe hai menos emprego do que había cando Caballero iniciou o actual mandato”, remachou.
Para reverter esta situación, o candidato do BNG apostou por blindar o futuro de actividades estratéxicas na industria, como a construción e reparación naval, a automoción e a pesca, así como por desenvolver as “enormes potencialidades” de Vigo como cidade universitaria para “nos referenciar como a capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións, na capital galega do futuro”.
Así, Igrexas asegurou que un BNG “determinante” no Concello de Vigo a partir das vindeiras eleccións municipais do 28 de maio será a garantía dunha nova política que teña entre as súas prioridades a promoción do emprego para atender a primeira preocupación das viguesas e dos vigueses.