O BNG reclama medidas para un Vigo verde ante o desinterese e a inacción do goberno de Abel Caballero
A forza nacionalista interpela ao Goberno municipal na comisión informativa de Medio Ambiente para que dea conta dos avances nesta materia, após declarar o Pleno por unanimidade a situación de emerxencia climática na cidade en setembro de 2019.
Xabier P. Igrexas: “Avanzar cara un modelo de cidade ecoloxicamente sustentábel debe ser unha prioridade na axenda política municipal”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de reclamar explicacións este luns ao Goberno municipal sobre os avances en materia medioambiental tras cumprirse máis de dous anos da declaración de emerxencia climática na cidade, aprobada por unanimidade no Pleno en setembro de 2019. A forza nacionalista trasladou esta cuestión ao goberno local na última comisión informativa de Medio Ambiente ante o desinterese e a falta de medidas despregadas neste tempo.
“O BNG xa advertimos que esta declaración non podía ficar en papel mollado”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Queremos que Abel Caballero e o seu goberno expliquen se van mantela como un brinde ao sol ou imos afrontar a serio este reto ambiental”, explicou Igrexas, que chamou a apostar por “un Vigo con futuro, que só pode ser un Vigo en verde”.
O concelleiro do BNG exemplificou o desleixo do actual Goberno municipal recordando que o Consello Sectorial de Medio Ambiente, máximo organismo consultivo do Concello de Vigo nesta materia, leva máis dunha década sen realizar unha reunión. “Para alén das declaracións de intencións e dos discursos, o que vemos é un Goberno que lle vira as costas a unha cuestión esencial, estratéxica e urxente”, manifestou.
Igrexas defendeu que avanzar cara “un modelo de cidade ecoloxicamente sustentábel debe ser unha prioridade na axenda política municipal”. Así, salientou que Vigo segue a emitir na actualidade o duplo de gases contaminantes que recomendan os niveis da Organización Mundial da Saúde e ten un elevado tráfico rodado, con máis de 150 mil coches rexistrados.
“Non existe unha alternativa real á utilización do vehículo privado por insistir nun modelo de autobús urbano obsoleto, deseñado nos anos 90. Non conta coas frecuencias necesarias e ten un mapa de liñas que non responde ás necesidades do conxunto dos barrios e das parroquias nunha cidade tan extensa e complexa como Vigo”, explicou Igrexas.