O BNG de Vigo demanda “pasar dos discursos aos feitos” para enfrontar as violencias machistas
A fronte nacionalista presentará unha moción no próximo Pleno para instar a Concello, Xunta de Galiza e Goberno español a despregar máis medios na loita contra o machismo.
Xabier P. Igrexas: “É necesario que este 25 de novembro fuxa de declaracións de intencións e que colectivamente asumamos máis compromisos”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda reforzar os recursos e accións na loita contra as violencias machistas para “pasar dos discursos aos feitos”. A fronte nacionalista anunciou a presentación dunha moción ao Pleno municipal que se vai celebrar este mércores onde insta a Concello, Xunta de Galiza e Goberno español a despregar máis medios nesta materia, en vésperas do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres este 25 de novembro.
“Resulta alarmante o incremento por volta dun 30% das agresións sexuais e violacións denunciadas na nosa cidade, cunha media de nove casos por mes no que vai de 2021”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Cifras que evidencian a necesidade de accións máis enérxicas e continuadas por parte das administracións, tanto para a prevención e a sensibilización, como da adecuada atención e protección das vítimas”.
Entre as medidas propostas, as nacionalistas esixen ao Goberno municipal executar os acordos plenarios para dotar Vigo dun protocolo contra as agresións sexuais, tanto en eventos públicos como nos espazos de lecer noctuno. Nese sentido, pediron a instalación de “puntos violeta” para a atención, información e asistencia durante os actos públicos.
“Non abonda con pendurar faixas na fachada e nos envolver da cor violeta un día ao ano, o que nos está esixindo a sociedade, nomeadamente as mulleres, é que poñamos recursos para facer desta cuestión unha verdadeira prioridade en todas as administracións”, manifestou Igrexas, que puxo como exemplo que o Concello de Vigo segue a destinar máis cartos a atencións protolocarias que a campañas de concienciación contra as violencias machistas.
No caso da Xunta, o portavoz do BNG de Vigo pediu que desenvolva un protocolo específico de atención á violencia sexual, con especial atención ao ámbito xudicial, así como un programa específico de formación nesta materia dirixido a todos os ámbitos profesionais que traballan en prevención e atención das vítimas, como poden ser o campo sanitario, policial, xurídico, educativo e a propia administración.
Igrexas apuntou nesa liña a “preocupante falla de resposta desde o ámbito xudicial” malia o incremento das denuncias nos últimos anos. Subliñou que os xulgados de Vigo só atenden a día de hoxe o 34% das ordes de protección, tanto das mulleres como das súas crianzas, e destacou que máis do 70% das causas abertas acaban sobresidas.
Prioridade na axenda política
“É necesario que este 25 de novembro fuxa de ritualismos e declaracións de intencións e que colectivamente asumamos máis compromisos. Atender o mandato das masivas mobilizacións feministas, nas que Vigo se converteu en referencia a nivel galego e estatal, e que interpela a todas as administracións para facer do combate contra a violencia machista unha verdadeira prioridade na axenda política”, salientou o concelleiro nacionalista en Vigo.
Desde o Bloque demandan que este compromiso vaia acompañado dos recursos necesarios para garantir a súa eficacia. Por iso, reclaman ao Goberno galego un incremento das partidas no proxecto de orzamentos de 2022 ata acadar o 1% do total. Un aumento que, segundo o BNG, serviría entre outras cuestións para facer efectiva a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e rematar cos actuais incumprimentos, como ocorre coa atención psicolóxica na Atención Primaria.
Entre os puntos a reforzar, o portavoz do BNG local pediu que a Xunta amplíe a rede de Centros de Información ás Mulleres co fin de garantir a cobertura en todo o territorio, en especial naquelas comarcas que carecen hoxe deste servizo. Ademais, chamou a despregar medidas concretas fronte a violencia machista no ámbito laboral, en particular nos sectores máis feminizados, unha demanda dirixida conxuntamente aos executivos galego e español.