Carme Adán fai un chamamento á cidadanía para defender con unllas e dentes a sanidade pública
A candidata número 2 da lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme Adán, fixo esta mañá un chamamento aos vigueses e viguesas a defender con unllas e dentes a sanidade pública fronte ao desmantelamento dos servizos públicos que está acometendo o PP. Adán fixo este chamamento no peche que realizou a Plataforma SOS Sanidade Pública, porque no Bloque pensamos que é o momento de estar na rúa hoxe máis que nunca.
Temos que dicirlle ao señor Feijóo que non queremos unha sanidade de segunda na cidade de Vigo, que non queremos un hospital privado, que non queremos ter as listas de agarda máis longas de toda Galiza, que non queremos que 140.000 persoas estean adscritas obrigatoriamente a Povisa, subliñou a candidata nacionalista.
Ao seu xuízo, cómpre defender a sanidade pública porque é un ben construído durante décadas por todos. Neste sentido asegurou que é preciso parar a destrución deste eido findamental dos servizos públicos freando as privatizacións e reorientando o enfoque da política sanitaria.
En relación ao novo hospital de Vigo, Carme Adán dixo que o BNG ten o compromiso de regular legalmente a aplicación dos sistemas de colaboración público-privada na sanidade pública galega, co obxectivo de non encarecer as infraestruturas e garantir a calidade do servizo. Ao respecto engadiu que o rescate da concesión será o único mecanismo que permita dotar a área sanitaria viguesa da infraestrutura sanitaria que permita atender a toda a cidadanía desta área en todas as especialidades e con todos os servizos dun hospital público e de calidade.