O BNG reclama á Xunta que rectifique o plan de Navia para crear un parque público de vivendas en Vigo

Alexandra Fernández e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa
Alexandra Fernández e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa

A fronte nacionalista presenta unha iniciativa no Parlamento galego para urxir cambios no proxecto, que só garante 80 vivendas de promoción pública das 1.600 previstas pese a elevada demanda e os prezos disparados de aluguer e compravenda.

Alexandra Fernández: “Está en xogo o futuro modelo de vivenda en Vigo, pode ser unha oportunidade histórica para termos un necesario parque público de vivendas ou outra oportunidade perdida”.

Xabier P. Igrexas: “Esta actuación, a única do Goberno galego do PP en materia de vivenda en Vigo, ten que servir para frear o encarecemento que está a expulsar a miles de viguesas e vigueses a outros concellos”.

O BNG reclama á Xunta que rectifique o plan de Navia para crear un parque público de vivendas en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar á Xunta que rectifique o plan parcial de Navia para incrementar o número de vivendas protexidas e crear un parque público de vivendas en Vigo. A fronte nacionalista rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego, que será debatida no próximo Pleno, para urxir cambios no proxecto presentado polo Executivo do PP, que só garante 80 vivendas de promoción pública das 1.600 previstas pese a elevada demanda na cidade e os prezos disparados de aluguer e compravenda.

“Pode ser unha oportunidade histórica para termos un necesario parque público de vivendas na cidade ou outra oportunidade perdida que siga poñendo por diante os intereses das construtoras e dos axentes inmobiliarios”, denunciou a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Alexandra Fernández, acompañada do concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, e do portavoz do colectivo Foro Socioeducativo Os Ninguéns, Antón Bouzas.

O Bloque pide na iniciativa parlamentar que a Xunta destine a vivenda pública unha porcentaxe significativa das previstas en Navia, en correspondencia coa ampla demanda en Vigo, a maior do País con 5.700 inscritas como solicitantes no Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Das mesmas, reclaman unha maior proporción de vivendas en réxime de alugueiro fronte “o modelo do PP que aposta de forma sistemática pola venda”.

Unha medida que, a xuízo das nacionalistas, facilitaría o acceso a centos de vigueses e viguesas a este ben esencial e permitiría “arrefriar” o prezo do mercado libre do aluguer, que só nos últimos 5 anos incrementou na cidade por volta dun 40%. Ademais, chaman a reservar vivendas para situacións de emerxencia habitacional que eviten que as persoas desafiuzadas teñan que ser reubicadas, como ocorre na actualidade, a concellos lonxe de Vigo.

“Este é un proxecto de cidade que ten que ser aberto, transparente e discutido publicamente, porque está en xogo o modelo de vivenda que teremos no futuro en Vigo”, salientou a deputada do BNG, Alexandra Fernández.  

Proxecto propagandístico

Na mesma liña, o concelleiro do BNG en Vigo cualificou o plan parcial da Xunta en Navia como “unha medida abertamente propagandística que non vai resolver o principal problema social da cidade como é o acceso a unha vivenda e que vai demorar a súa execución durante varios anos”.

Igrexas chamou a que esta actuación, a única do Goberno galego en materia de vivenda en Vigo, sirva para “frear o encarecemento que está a expulsar a miles de viguesas e vigueses a outros concellos, 3 mil só no último ano, porque non se poden permitir o luxo de vivir na súa cidade e para dar tamén posibilidades materiais para que a nosa mocidade se emancipe”.

O edil nacionalista afeou que tanto o PP na Xunta, como administración con competencias na materia, como o PSOE no Concello, que se comprometeu a desenvolver miles de vivendas protexidas pero non executou ningunha, miren cara outro lado ante as dificultades crecentes para acceder a unha vivenda en Vigo e malia as numerosas iniciativas presentadas polo BNG para dotar a cidade dun parque público de vivendas. 

Alternativas fronte os desafiuzamentos

Na rolda de prensa interviu tamén o voceiro do colectivo Os Ninguéns, Antón Bouzas, en apoio das demandas do BNG e chamando a participar da manifestación nacional convocada polas nacionalistas este domingo 3 de abril en Compostela para esixir medidas contra a carestía da vida. Bouzas fixo fincapé na necesidade de ofrecer alternativas habitacionais fronte os desafiuzamentos que, asegurou, non existen na actualidade, en especial ante os numerosos casos de mulleres con menores ou dependentes a cargo sen capacidade económica para afrontar os alugueres. "A pesar de que o alcalde di sempre que todas as persoas que van ser desafiuzadas vaian ao Concello para ter unha solución, isto non é certo", denunciou o portavoz do colectivo social, que chamou a dotar a Vigo dunha rede de vivendas en diferentes puntos da cidade. 

O BNG reclama á Xunta que rectifique o plan de Navia para crear un parque público de vivendas en Vigo