O BNG de Vigo pide a Caballero que audite Vitrasa e prepare o rescate municipal da concesión
A fronte nacionalista esixe que o Goberno local actúe de forma inmediata ante o aviso de Vitrasa de risco de quebra e a pretensión de rebaixar un 40% os salarios do persoal.
Xabier P. Igrexas: “O servizo de bus urbano é esencial e non pode seguir xestionado por unha empresa que recoñece non ter capacidade económica para enfrontar a xestión”.
O Bloque Nacionalista Galego pide que o Concello de Vigo poña en marcha de forma inmediata unha auditoría integral do servizo de bus urbano e que prepare, en caso de ser necesario, o rescate municipal da concesión a Vitrasa. A fronte nacionalista realiza esta demanda diante do recoñecemento da empresa dun risco de quebra e a pretensión “inaceptábel” da dirección da concesionaria de aplicar un descolgue salarial que suporía unha reducción de case un 40% nos salarios do persoal deste servizo de titularidade municipal.
“É necesario clarificar cal é a situación económico-financeira real do servizo para aclarar se Vitrasa está en situación de desequilibrio concesional e que poña luz sobre as contas absolutamente opacas da empresa”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que existen “indicios máis que suficientes para sospeitar que hai exercicios de enxeñería contable para intentar xustificar unhas perdas que motiven decisións tan drásticas como as que están na mesa”.
Igrexas chamou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a cumprir co compromiso anunciado nos pasados días de rexeitar a pretensión de Vitrasa de reducir de forma drástica os salarios dos traballadores e traballadoras da concesionaria.
O edil nacionalista urxiu a poñer en marcha todos os mecanismos que permitan aplicar coa maior axilidade o rescate municipal da concesión, en caso de confirmarse a situación de quebra en Vitrasa. “O servizo de bus urbano é esencial e non pode seguir xestionado por unha empresa que recoñece non ter capacidade económica para enfrontar a xestión”.“O Concello de Vigo ten que impedir por todos os medios que Vitrasa, que recibe cada ano de 13 millóns de euros de subvención directa, poida perpetrar este atentado laboral nun servizo de titularidade municipal ”, advirte o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Sobre estas cuestións, a fronte nacionalista interpelou ao Goberno local este pasado mércores no Pleno municipal sen obter ningunha resposta por parte do goberno de Abel Caballero. Unha demanda que se suma ás numerosas iniciativas presentadas polo BNG nos pasados meses para esixir a intervención do Concello no conflito laboral en Vitrasa, que desencadeou dúas convocatorias de folga.