O BNG reclama que o Concello de Vigo facilite o acceso á vivenda ante os prezos “inasumíbeis” de aluguer e venda
A fronte nacionalista demanda a posta en marcha dun Plan municipal de Vivenda e critica que o goberno de Abel Caballero non teña feito unha soa vivenda protexida.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir sendo unha cidade que expulsa cada ano a centos de vigueses e viguesas a outros concellos da nosa área porque non se poden permitir o luxo de vivir no seu propio municipio”.
O Bloque Nacionalista Galego reclama que o Concello de Vigo tome medidas para facilitar o acceso á vivenda diante do aumento de prezos “inasumíbel” dos alugueiros e das vendas durante os últimos anos e da falla de oferta de vivendas protexidas pola inacción da Xunta e do Goberno local. A fronte nacionalista demanda a posta en marcha dun Plan municipal de Vivenda que permita enfrontar o problema de acceso social que padecen as viguesas e vigueses, en especial os sectores máis desfavorecidos e a mocidade.
“Vigo está hoxe infelizmente á cabeza de todas as cidades galegas tanto no prezo dos alugueiros -cun prezo de máis de nove euros o metro cadrado, que fai que un piso de 70 metros cadrados teña un custo mensual medio de case 640 euros- como no de vivendas de nova adquisición, cun importe medio de 2.100 euros o metro cadrado”, denunciou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista alertou de que o aumento dos prezos de aluguer continuará neste primeiro trimestre de 2022 cunha previsión do 6%, segundo datos do propio sector inmobiliario, que se vén a sumar á suba dun 30% rexistrada na cidade durante o último lustro. Uns incrementos que dificultan o acceso a este dereito básico e obrigan a moitas veciñas e veciños a buscar alternativas nos municipios da contorna.
“Non podemos seguir sendo unha cidade que expulsa cada ano a centos de vigueses e viguesas a outros concellos da nosa área porque non se poden permitir o luxo de vivir no seu propio municipio”, criticou Igrexas. Así, as últimas cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE) evidencian a perda de poboación de Vigo, con case 3 mil residentes menos o ano pasado, mentres crece na maioría de localidades próximas.
Sen vivendas protexidas do Concello
A fronte nacionalista advertiu que non abonda con anunciar 14 mil vivendas protexidas no novo PXOM de Vigo, senón que deben poñerse medidas para materializalas. “Cómpre recordar que, en 2007, Abel Caballero prometeu poñer en marcha 7 mil vivendas protexidas en Vigo. Porén, en todo o tempo que leva gobernando non fixo ningunha”, subliñou o edil nacionalista, que censurou tamén a inacción reiterada da Xunta.
“Malia termos 5 mil familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida, o Goberno galego limítase apenas a asignar unhas poucas vivendas cada ano a través do Consorcio do Casco Vello. Entendemos que é máis imperativo que nunca que o Concello de Vigo deixe de ollar para outra parte”, solicitou Igrexas, que salientou como unha mostra desta falla de políticas de vivenda o recente anuncio do alcalde de Vigo, “amplificado con grande propaganda”, dun convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo para dispoñer de só tres vivendas no ámbito de Cambeses.