O BNG esixe un cambio profundo do novo PXOM de Vigo para que responda ás necesidades reais da cidade

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas en rolda de prensa

A fronte nacionalista presenta 29 alegacións ao proxecto de Plan Xeral, froito dos encontros mantidos coa veciñanza, entre as que destacan a retirada do vial PO-010 en Beade e Bembrive, someter o Plan a unha segunda exposición pública e a necesidade de reverter a situación de centos de vivendas que quedarían fóra de ordenación.

Xabier P. Igrexas: “Se o PSOE non escoita as demandas veciñais vai volver quedar só impoñendo un PXOM que a cidade non quere e que non responde ás necesidades dos barrios e parroquias”.

O BNG esixe un cambio profundo do novo PXOM de Vigo para que responda ás necesidades reais da cidade

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar 29 alegacións contra o proxecto de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo, contribucións que buscan un cambio profundo do documento que aspira a definir o urbanismo da cidade até o ano 2050. A fronte nacionalista critica a falla de transparencia e diálogo durante a elaboración do plan, así como os obstáculos durante o proceso de información pública que, en opinión do Bloque, buscou desalentar a participación veciñal.

“Este novo PXOM non é o que necesita Vigo. Estamos diante dunha oportunidade perdida por parte do goberno de Abel Caballero de dotar a cidade dun PXOM de consenso, de toda a cidade e para toda a cidade”, criticou en rolda de prensa este mércores o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que non se teña apostado por un deseño urbanístico “ao servizo das necesidades das viguesas e vigueses” e non a “intereses especulativos”.

Igrexas reiterou a denuncia de que o novo PXOM elaborouse “na escuridade dos despachos, sen diálogo nin transparencia” e acusou o Goberno municipal de reducir a exposición pública do Plan a un trámite burocrático. “Parece que o único que querían era que a veciñanza coñecese o menos posíbel sobre o Plan para reducir o número de alegacións que reciba”, reprochou.

“Este novo PXOM non é o que necesita Vigo. Estamos diante dunha oportunidade perdida por parte do goberno de Abel Caballero de dotar a cidade dun PXOM de consenso, de toda a cidade e para toda a cidade”, critica o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. 

As alegacións formuladas polo Bloque son froito dunha intensa rolda de encontros veciñais e co tecido asociativo na práctica totalidade da cidade. Xuntazas que permitiron constatar a escasa información e o alto grao de descoñecemento sobre o novo PXOM de Vigo. A fronte nacionalista advertiu que, unha vez rematado o proceso de alegacións esta semana, espera que o Goberno municipal escoite agora as miles de demandas veciñais presentadas. Porén, consideran necesario habilitar un novo período de alegacións, cun prazo mínimo dun mes, unha vez incoporados a información pública todos os informes sectoriais para “blindar xuridicamente o Plan e, sobre todo, para garantir os dereitos da veciñanza”.

O portavoz municipal nacionalista demandou á concelleira de Urbanismo, María José Caride, explicacións sobre a falla de integridade do expediente municipal do novo PXOM, unha vez se vén de comprobar que como mínimo 12 planos non estaban na documentación ditaminada polo Pleno. Neste sentido, desde o Bloque subliñan a importancia de que o procedemento do novo PXOM se axuste plenamente á normativa e legalidade para evitar unha nova anulación como a aplicada, por sentenza do Tribunal Supremo, contea o de 2008.

Retirar o vial PO-010

Entre as contribucións realizadas polo BNG, destaca a petición de retirar do proxecto de PXOM o vial PO-010 por “carecer de xustificación suficiente” e polas “importantes afeccións sociais, ambientais e patrimoniais” que durante as últimas semanas vén denunciando a veciñanza das parroquias afectadas: Beade, Bembrive, Castrelos, Matamá e Sárdoma.

No referente a infraestruturas, as nacionalistas pediron tamén unha alternativa menos gravosa ao actual trazado da vía de alta capacidade entre Vigo e O Porriño perante o impacto que suporía na parroquia de Bembrive, que ficaría partida en dous. En troca, o Bloque propón liberar a peaxe do tramo da AG-57 entre Puxeiros e os polígonos industriais do Porriño ou o soterramento do actual trazado da A55 ao seu paso por Bembrive.

Vivendas que pasan a solo rústico

O concelleiro do BNG de Vigo criticou que o PXOM queira situar en solo rústico, o que significa deixalas fóra de ordenación, máis dun milleiro de vivendas que hoxe contan con licenza municipal, algunhas delas de recente construción. A fronte nacionalista reclama que estas parcelas pasen a solo urbano ou urbanizábel como núcleos de poboación a protexer. Ademais, desde o Bloque piden someter a revisión os ámbitos afectados por discrepancias entre as previsións urbanísticas recollidas no Instrumento de Ordenación Provisional e as formuladas no proxecto de PXOM.

Recuperación de Samil

A situación de Samil é outro dos puntos salientábeis das alegacións presentadas polo BNG. As nacionalistas piden retranquear o paseo, trasladar as instalacións deportivas e poñer en marcha medidas que aposten na recuperación integral do areal. Nesa mesma liña, chaman a corrixir as cualificacións urbanísticas modificadas en primeira liña de praia que queren incrementar os usos residenciais na contorna de Samil. 

Rehabilitación de vivendas e máis dotacións

Igrexas valorou que as necesidades habitacionais recollidas no PXOM non se axustan ás previsión da evolución demográfica e socioeconómica de Vigo. Por ese motivo, demandou apostar na rehabilitación fronte á vivenda de obra nova, tendo en contra que na cidade hai hoxe 18.600 vivendas desocupadas. O portavoz municipal das nacionalistas propuxo a constitución dunha Axencia Municipal de Promoción da Vivenda que estude a posibilidade de incorporalas para ampliar a oferta de vivenda protexida, inexistente durante o goberno actual.

Vivendas que precisan de servizos, polo que o Bloque solicitou ampliar a reserva de espazos destinados a dotacións, equipamentos públicos e zonas verdes no conxunto da cidade por considerar insuficientes os recollidos no proxecto urbanístico en revisión.

Na liña de facer unha cidade máis sustentábel, a fronte nacionalista cre necesario un cambio de modelo de mobilidade priorice o tránsito peonil e outras modalidades distintas do coche privado. Entre elas, fomentar o uso do transporte público cunha revisión do mapa de liñas, máis frecuencias e un abaratamento do billete.

Ampliación innecesaria de polígonos

O BNG rexeitou tamén a previsión de ampliación dos polígonos industriais de Balaídos e da Garrida, en Valadares, que valoraron como “innecesarias”. No caso do polígono de Balaídos, a propia beneficiaria, a factoría Stellantis, ten expresado que non precisa dese espazo.

Aliás, as alegacións nacionalistas incorporan unha ampla e detallada relación de modificacións para corrixir as “importantes deficiencias” do Plan no que se refire á protección do patrimonio. 

O BNG esixe un cambio profundo do novo PXOM de Vigo para que responda ás necesidades reais da cidade