O BNG de Vigo volve pedir a retirada inmediata do busto de Juan Carlos I e o cambio de nome da praza do Rei
A fronte nacionalista pide coherencia a Abel Caballero e ínstao a seguir os pasos da Deputación de Pontevedra que xa retirou o busto do monarca emérito.
Xabier P. Igrexas: “O tempo das impunidades, dos privilexios medievais, do dereito de pernada ten que acabar porque é incompatíbel cun funcionamento democrático e cunha sociedade moderna”.
Diante do último escándalo do rei emérito, Juan Carlos I, coa súa “regularización fiscal” de 9 millóns de euros opacos para evitar a acción da Xustiza na súa contra, o Bloque Nacionalista Galego volveu demandar a retirada do seu busto colocado no acceso principal do Concello de Vigo e tamén que se inicie o proceso para mudar o nome da praza do Rei da cidade.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, defende que “é un imperativo de hixiene democrática exercer un enérxico reproche, tamén desde as institucións, diante destes comportamentos inaceptábeis”.
“Non nos estraña que desde unha institución arcaica, obsoleta, antidemocrática e erixida sobre o privilexio de nacemento se consideren a si propios impunes. O que é inaceptábel en termos democráticos é que, por acción ou por omisión as institucións colaboren nesa impunidade”, argumenta.
Por iso, a fronte nacionalista reitera a petición que xa formularon no pasado mes de marzo de 2020 e que levaron a Pleno cunha moción en xuño dese ano (que foi rexeitada cos votos do PSOE e PP), para que se proceda a retirar de maneira inmediata o busto do rei emérito e que se mude de nome a actual praza do Rei, designada de tal forma en homenaxe a Juan Carlos I.
“Sabemos que unha ampla maioría social de Vigo non comprende que clase de recoñecemento ou honra merece un monarca que defrauda o propio sistema tributario, que está envolto en numerosas casos de corrupción e cun comportamento que se fora practicado por calquera persoa do común tería recibido un forte castigo”, sostén Igrexas.
Desde o Bloque reclaman ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a que actúe con coherencia advertíndolle que “non se pode defender a democracia e a igualdade ante a lei e seguir mantendo as prebendas e distincións a un monarca que non as merece”. Neste sentido, animan o rexedor a seguir o exemplo doutros municipios, como Pontevedra, que retiraron do seu rueiro as alusións a Juan Carlos I ou da propia Deputación de Pontevedra que vén de retirar un busto do monarca da súa sede oficial. “Non ten xustificación que o mesmo busto que se retira na Deputación se manteña no Concello”, sinala o edil nacionalista.
“O tempo das impunidades, dos privilexios medievais, do dereito de pernada ten que acabar porque é incompatíbel cun funcionamento democrático e cunha sociedade moderna. Non podemos seguir tolerando e moito menos premiando este tipo de comportamentos”, remachou Igrexas.