O BNG reclama que a Xunta financie a bancada de Gol mais afea que Caballero use o Pleno de Vigo como “arma electoral”

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo no Pleno

O portavoz municipal nacionalista critica que o alcalde convoque unha sesión extraordinaria a menos dunha semana das eleccións galegas cando se ausenta reiteradamente das ordinarias para ir de tertuliano a televisións en Madrid

Lamenta que Caballero non teña promovido Plenos cando o Goberno de Pedro Sánchez dixo que non a proxectos chave para a cidade como a Saída Sur, o tren de cercanías ou a fábrica de baterías

Xabier P. Igrexas: “O BNG sempre estamos do lado da cidade, goberne quen goberne aquí, en Santiago ou en Madrid, algo que outros non poden dicir”

O BNG reclama que a Xunta financie a bancada de Gol mais afea que Caballero use o Pleno de Vigo como “arma electoral”

O Bloque Nacionalista Galego reclama que a Xunta de Galiza participe no financiamento para a reforma da bancada de Gol no estadio de Balaídos. Fíxoo nunha sesión extraordinaria celebrada este luns na que, malia o voto favorábel á iniciativa formulada polo grupo de Goberno, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas afeou que o alcalde, Abel Caballero, use o Pleno de Vigo como “arma electoral”.

Igrexas cuestionou a necesidade dun Pleno extraordinario para este asunto cando o PSOE conta con cinco mocións nas sesións ordinarias, fronte a só unha para cada grupo da oposición. Aliás, o voceiro nacionalista mostrouse sorprendido porque o mesmo Caballero que “non aguanta nin media hora no Pleno ou que se ausenta reiteradamente para ir de tertuliano televisivo a Madrid” tivera tanta urxencia para celebrar esta sesión.

Lamentou tamén que o alcalde non teña promovido outras sesións extraordinarias cando o seu Goberno na Moncloa con Pedro Sánchez dixo que non a proxectos chave para a cidade como a Saída Sur, o tren de cercanías, cando Vigo se quedou sen as sedes permanentes do Centro Oceanográfico ou priorizou a reforma doutros centros mentres “aquí teñen que traballar con casco”,  ou cando decidiu deixar Vigo sen a fábrica de baterías para instalala en Zaragoza.

En relación a Balaídos, o portavoz do BNG lembrou que Caballero tampouco convocou un Pleno extraordinario cando a Zona Franca “dirixida entón polo seu sucesor designado e hoxe exiliado, David Regades” retirou o financiamento para a reforma do estadio municipal.

“O BNG do lado da cidade aquí, en Santiago e Madrid”

Igrexas defendeu o voto favorábel do Bloque a que a Xunta participe no financiamento da reforma de Gol porque “o BNG sempre estamos do lado da cidade, goberne quen goberne aquí, en Santiago ou en Madrid, algo que outros non poden dicir”. Nese sentido, destacou a “coherencia” do Bloque que tamén apoiou no Pleno a demanda de que a Deputación de Pontevedra cumpra tamén co convenio para as obras na bancada. 

Dende a fronte nacionalista reiteraron porén a “nefasta xestión” do Goberno de Abel Caballero no relativo á reforma do estadio municipal de Balaídos. “O que ía ser a o Guggenheim do fútbol rematou na versión deportiva da Sagrada Familia”, ironizou Igrexas, afeando os sobrecustos da reforma, cun gasto total de 60 millóns de euros, e os atrasos nas obras que debía estar finalizada en 2017 e sete anos despois inda está por iniciar a última bancada.

Protesta de Vitrasa

O portavoz nacionalista volveu trasladar o apoio do BNG ao persoal de Vitrasa, cando se cumpren 80 días de folga indefinida no servizo de bus urbano, que volveron reclamar no Pleno que o Goberno de Abel Caballero actúe para desbloquear o conflito. Fronte á protesta, o alcalde ameazou as e os traballadores de Vitrasa que serían expulsados para, finalmente, realizar un receso na sesión até que abandonaron o salón plenario. “Perdeu outra oportunidade, máis unha vez, para escoitalos pero, en lugar diso, insistiu no autoritarismo”, reprochou Igrexas. 

O BNG reclama que a Xunta financie a bancada de Gol mais afea que Caballero use o Pleno de Vigo como “arma electoral”