O BNG de Vigo pedirá a retirada da proposta de Dolores Galovart como nova Valedora da Cidadanía
A fronte nacionalista insiste en demandar un diálogo entre todos os grupos que permita unha designación unánime fronte ao “dedazo absolutista” que pretende Caballero
Advirten da situación irregular de que se vaia proceder a ese nomeamento cando a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións, malia ser legalmente obrigatoria, está sen constituír
Xabier P. Igrexas: “A nova Valedoría ten que ser unha figura representativa do conxunto plural da cidade e con plena independencia do Goberno”
O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que mañá luns solicitará formalmente a retirada do punto da orde do día das Comisións Informativas do Pleno no que se ditaminará a proposta do Goberno de designar a Dolores Galovart como nova Valedora da Cidadanía, paso previo á súa votación no Pleno ordinario deste mes de xaneiro.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu esta medida para “evitar que o absolutismo de Caballero consume un dedazo no relevo de Luis Espada e para crear as condicións que permitan un acordo unánime de toda a Corporación”.
Igrexas insiste nas “enormes dúbidas” que produce a elección de Galovart pola súa “clara vinculación” co PSOE, da que foi deputada no Congreso, e pola súa “manifesta afinidade persoal” co alcalde. “Sen desprezar a acreditada traxectoria e os méritos da señora Galovart, estas condicións non permiten que poidamos confiar nunha Valedora que actúe con plena independencia, imparcialidade e obxectividade como estabelece o Regulamento”, lamentou. O portavoz municipal nacionalista reiterou que “en ningún caso o Bloque pode aceptar que se subordine a Valedoría ao grupo de Goberno”.
Desde a fronte nacionalista critican con dureza a “nula disposición ao diálogo por parte do Goberno de Abel Caballero a pesar da man tendida do BNG”, lembrando que xa propuxeron o pasado mes de novembro que se abrise unha interlocución entre todos os grupos municipais na Xunta de Portavoces co obxectivo de “promover un acordo unánime que garanta que a nova Valedoría sexa unha figura representativa do conxunto plural da cidade e con plena independencia”.
Nomeamento irregular
Aliás, Igrexas volve advertir de que para alén da falla de consenso este nomeamento vaise producir nunha situación “abertamente irregular”. No concreto, alude á negativa do goberno de Caballero a constituír a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello, de carácter obrigatorio. “A Valedoría está definida, precisamente, como órgano de enlace e colaboración desa hoxe inexistente Comisión”, salientou Igrexas.
Unha circunstancia, lembrou o portavoz municipal nacionalista, que foi reiteradamente denunciada polo BNG, urxindo a posta en marcha desta Comisión Especial para “poder exercer unha verdadeira e efectiva supervisión e fiscalización da Administración municipal e para atender as numerosas queixas e demandas da veciñanza, que desde o inicio deste mandato xa son máis de 16 mil”.
Abrir unha nova etapa
Igrexas remarcou que para o BNG o relevo de Luís Espada é “unha oportunidade para abrirmos unha nova etapa” á fronte da Valedoría da Cidadanía, dotándoa de máis autonomía e capacidade de actuación.
“Diante dun Goberno municipal que insiste na súa xordeira autoritaria, na súa falla de diálogo co tecido asociativo e na desatención das demandas veciñais, é máis necesario do que nunca que a Valedoría exerza plenamente as súas competencias”, subliñou.
“Merecemos unha Valedora de toda a cidadanía e non só do PSOE”, remachou.