O BNG de Vigo lanza un ultimato de 24 horas a Caballero: iniciará accións xudiciais se insiste en vetar o acceso ao expediente do reequilibrio de Vitrasa
A fronte nacionalista denuncia que o Goberno municipal denegou de maneira “ilegal” en dúas ocasións a consulta dos informes sobre a concesión de bus urbano: “Que ten que esconder o alcalde?”
Xabier P. Igrexas: “Ningunha maioría absoluta, por lexítima que sexa, pode supoñer o atropelo dos dereitos democráticos nin moito menos impedir o exercicio de dereitos fundamentais de representantes electos das viguesas e vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego vén de lanzar un ultimato de 24 horas para que Abel Caballero lle facilite acceso ao expediente de reequilibrio da concesión de Vitrasa antes de emprender accións xudiciais. Así o anunciou este xoves en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de que o Goberno local denegase por segunda vez a consulta desta documentación.
“Ningunha maioría absoluta, por lexítima que sexa, pode supoñer o atropelo dos dereitos democráticos nin moito menos impedir o exercicio de dereitos fundamentais por parte doutras forzas políticas e de representantes electos das viguesas e vigueses”, cuestionou Igrexas, quen asegurou que “o Bloque non vai tolerar que o alcalde incumpra a lei para impoñer a súa vontade nin permitir que se converta nun autócrata municipal”.
O portavoz do BNG esixiu unha rectificación inmediata do Goberno local desta decisión “sen precedentes e dunha gravidade extrema”, advertindo a Caballero que o artigo 404 do Código Penal estabelece penas de inhabilitación para cargos públicos que diten resolucións arbitarias a sabendas da súa inxustiza. En caso de que non permita o acceso ao citado expediente nese prazo, a fronte nacionalista promoverá accións xudiciais que xa están en estudo polos seus servizos xurídicos.
“Estamos ante a constatación de que o absolutismo do Goberno de Abel Caballero xa ultrapasou todas as liñas vermellas e a golpe de autoritarismo e arbitrariedade tense instalado xa nunha posición absolutamente antidemocrática”, lamentou Igrexas, quen considerou que cando está en xogo unha nova indemnización millonaria a unha empresa privada con fondos públicos “a transparencia é máis que un dereito, é unha obriga”.
Sobre os motivos para vetar o acceso do BNG á documentación sobre o reequilibrio da concesión de bus urbano, o portavoz nacionalista preguntouse que “quere esconder” o alcalde de Vigo. “Tanta opacidade o único que provoca é que ese expediente cheire a podre”, valorou.
Antecedentes do veto
Igrexas detallou os antecedentes deste veto, que comezan o pasado 30 de novembro coa solicitude por parte do voceiro do Bloque de acceso ao expediente do reequilibrio de Vitrasa. Non foi até o 11 de decembro, excedendo o praza legal de 5 días naturais que fixa tanto a Lei de Bases de Réxime Local e o Regulamento Orgánico do Pleno, o Goberno municipal emitiu unha resolución na que se impedía esta consulta indicando que se me concedería “no momento que se acheguen os informes solicitados e preceptivos, para resolución do expediente”.
Diante desta decisión “ilegal”, a fronte nacionalista interpuxo un recurso de reposición que foi resolto cunha nova denegación de acceso, o que motivou o traslado dunha queixa do Bloque á Valedora do Pobo, que abriu expediente e requeriu información até en dúas ocasións ao Concello sen ter recibido aínda resposta.
Dende o BNG volveron solicitar acceso ao citado expediente o pasado 28 de febreiro, despois de facer público que a Oficina Nacional de Avaliación, dependente do Ministerio de Facenda, non ía emitir o informe solicitado polo Goberno local sobre o reequilibrio, e que foi utilizado como “coartada” para impedir a consulta da documentación.
Escusas do Goberno municipal
Así, o pasado 4 de marzo o BNG recibiu unha nova resolución nos mesmos termos que a do 11 de decembro, na que o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, negaba o acceso ao expediente alegando unha “presunta e falsa” eficacia administrativa. Unha cuestión que, a xuízo do voceiro nacionalista, non pode invocarse para denegar ou postergar o acceso ao expediente que, como mandata o Regulamento Orgánico do Pleno, realízase a través de medios electrónicos e, por tanto, non impide nin interfire na súa tramitación.
O voceiro nacionalista afeou que o Goberno de Caballero utilice esta “escusa” cando noutros casos, como no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en trámite á espera de informes preceptivos e vinculantes para a súa aprobación definitiva, o Grupo Municipal do BNG ten acceso a todo o expediente.
Precedentes no Tribunal Supremo
Igrexas enumerou os numerosos incumprimentos legais do Goberno con esta decisión: o artigo 9 do Regulamento Orgánico do Pleno, o artigo 77 da Lei de Bases de Réxime Local, os artigos 14-15-16 do ROF, e o exercicio do dereito fundamental á participación política recollido no artigo 23 da Constitución.
Nese sentido, citou unha recente sentenza do Tribunal Supremo, de febreiro de 2022, na que nun caso análogo determina que “o núcleo básico do dereito fundamental de participación política, inherente ao cargo de concelleiro ou concelleira, intégrase polo dereito a obter cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función”.