O BNG de Vigo rexeita a modificación orzamentaria “farsa” do goberno de Caballero por ser “imposíbel” de executar en 2022
A fronte nacionalista emenda a totalidade da proposta “propagandística” para mobilizar 32 millóns de euros, que entrarían en vigor a só dúas semanas de rematar o exercicio
Censura que o goberno do PSOE use esta “trampa” para dispoñer destes recursos “inxentes” a poucos meses das eleccións municipais, como fixera nos comicios de 2019
Xabier P. Igrexas: “Non podemos apoiar que se sigan enterrando recursos en gasto inaugurábel e nun suplemento de 2,5 millóns para a dopaxe mediática de Abel Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeita a modificación orzamentaria que pretende o goberno de Abel Caballero para mobilizar 32 millóns de euros adicionais por ser unha “farsa”. A fronte nacionalista vén de formular unha emenda á totalidade para a devolución da proposta por considerala un “acto propagandístico” ante a imposibilidade de que se poidan executar estes fondos, que entrarían en vigor o 16 de decembro, a só dúas semanas de rematar o exercicio.
“O propio Goberno municipal recoñece que non hai nin vontade nin condicións materiais que permitan levar a termo esta modificación orzamentaria”, censurou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que afeou que o goberno do PSOE use esta fórmula “trampa” para poder dispoñer desta “inxente” cantidade de recursos a poucos meses das vindeiras eleccións municipais, como xa acontecera nos anteriores comicios de 2019.
Igrexas criticou tamén o goberno de Caballero “insista en enterrar” a meirande parte deste 32 millóns en “gasto inaugurábel e obras” mentres desiste de mobilizar “nin un só euro” para despregar algunha medida para enfrentar e paliar os efectos da grave situación de emerxencia social que atravesa a cidade
Ademais, o concelleiro nacionalista cualificou de “escandaloso” que o Goberno local incorpore nesta modificación orzamentaria un suplemento de 2,5 millóns de euros para a “dopaxe mediática e publicitaria” do alcalde. “Unha partida destinada ao que chaman marca Vigo que, en realidade, é marca Abel Caballero”, lamentou, de vez que reprochou que se siga destinando diñeiro público “para actividades de autobombo electoralista”.