O BNG de Vigo demanda un maior apoio municipal ao baile e música tradicionais na cidade
A fronte nacionalista realizou un coloquio no que participaron persoas representativas da danza e da música tradicionais para poñer en común propostas en positivo para relanzar o acervo cultural galego en Vigo.
Xabier P. Igrexas: “A mellor maneira de reverter a desertización cultural que padecemos desde hai unha década é afirmar o orgullo da nosa tradición, apoiando a todos os colectivos que fan que Vigo sexamos un referente do baile e da música tradicionais”.
Propoñen un Programa de Dinamización da Cultura Tradicional en Vigo, con axudas directas, un circuíto estábel de actuacións en todos os barrios e parroquias e a organización dun grande festival de música e baile tradicional na cidade.
O Bloque Nacionalista realizou esta tarde en Lavadores un encontro aberto, en formato de coloquio, sob o lema “Vigo + Tradición” a respeito da situación do baile e da música tradicionais da nosa cidade. No evento tomaron parte Marina Vigo, música tradicional integrante de Sondeseu, e Luís Prego, un dos maiores referentes da danza tradicional en Vigo e vicepresidente da Asociación de Ensinantes Profesionais da Música e o Baile Tradicional, e contou coa intervención do concelleiro e candidato á alcaldía do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas subliñou a importancia deste tipo de encontros abertos afirmando que “fronte a quen se nega a escoitar, é fundamental o diálogo directo que permita sumar esforzos e enerxías para poñermos fin á actual desertización cultural que padece a cidade”.
O portavoz municipal nacionalista defendeu que “non hai mellor maneira de facer avanzar a creación cultural, de democratizar a cultura para o conxunto do pobo, que facelo desde o orgullo pola nosa tradición”.
“Non hai vangarda, nin modernidade posíbel sen a raíz sólida das nosas tradicións”, remachou Xabier P. Igrexas
Desde o BNG recolleron as queixas e denuncia da falla dunhas políticas culturais a nivel municipal que aposten por divulgar, valorizar e estender a práctica da música e da danza tradicionais galegas na maior cidade do noso País.
Emporiso, Igrexas reclamou a posta en marcha dun grande Programa da Dinamización da Cultura Tradicional na cidade, que inclúa entre outras medidas, axudas directas para fortalecer a formación e os grupos de base ou o despregamento dun ambicioso circuíto cultural en todos os barrios e parroquias, tomando como exemplo o desaparecido MoveVigo que se creara en colaboración cos grupos e coa Favec. O candidato nacionalista tamén avogou porque Vigo organice un grande festival de música e baile tradicional.