O BNG de Vigo denuncia irregularidades na tramitación do proxecto de urbanización do Barrio do Cura
A fronte nacionalista tacha de “temeridade” a aprobación do proxecto por vía de urxencia por parte do goberno do PSOE, desatendendo as advertencias da arqueóloga municipal e deixando en mans da promotora privada a resposta das alegacións veciñais
Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que Caballero exerza de relacións públicas dunha urbanización de luxo no corazón da cidade na que apenas 36 das 400 vivendas serán protexidas”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeita o proxecto de urbanización do Barrio do Cura diante das inconsistencias e irregularidades na tramitación desta operación urbanística. A fronte nacionalista considera unha “temeridade” que o goberno do PSOE aprobara por vía de urxencia este proxecto ignorando as advertencias da arqueóloga municipal e deixando en mans da promotora privada a resposta das alegacións veciñais.
“Démoslle a oportunidade de rectificar para reparar estas graves deficiencias mais Abel Caballero decidiu persistir no erro e seguir actuando como relacións públicas da promotora privada desta urbanización de luxo no corazón da cidade”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que solicitara previamente, sen éxito, a retirada do asunto na Xerencia de Urbanismo celebrada esta semana.
Igrexas acusou nese sentido ao Goberno municipal de “desatender deliberadamente” a valoración da arqueóloga do Concello de Vigo sobre as afeccións patrimoniais do proxecto. Lamentou que, desta forma, non se vai poder coñecer a incidencia desta operación urbanística privada, con numerosos elementos arqueolóxicos no ámbito onde se proxecta.
O candidato do BNG de Vigo cualificou de “escandaloso e irregular” que as alegacións veciñais foran respondidas pola propia promotora privada e non polos servizos municipais
Unhas alegacións sobre as que o concelleiro nacionalista afeou tamén as negativas do goberno de Caballero a ampliar o prazo de exposición pública, que foi de apenas un mes, o mínimo legal esixido. “O que explica que un proxecto deste alcance só recibise catro alegacións por parte da veciñanza”, subliñou.
Só 36 vivendas protexidas
O edil nacionalista lembrou as reservas do BNG sobre este proxecto, que se quixo legalizar pola vía de urxencia a través dunha modificación a medida no PXOM. “Esta operación urbanística privada estivo envolta en manipulacións descaradas, como cando se fala dun 30% de vivenda protexida”, criticou Igrexas, que explicou que esa porcentaxe só afecta a unha parte do proxecto. “O que se traduce en que das 400 vivendas proxectadas apenas 36 van ter algún nivel de protección”, censurou.