O BNG rexeita as prohibicións “irracionais” impostas polo Concello de Vigo nas pistas de atletismo de Balaídos

Pistas de atletismo de Balaídos
Pistas de atletismo de Balaídos

A fronte nacionalista cualifica de “delirante réxime carcelario” as normas ditadas polo goberno de Abel Caballero nas instalacións deportivas, que impiden adestrar sen camiseta ou beber, entre outras restricións. 

Xabier P. Igrexas: “O Goberno municipal ten que deixar de ‘acosar’ as e os deportistas da cidade e atender dunha vez as súas reivindicacións ante o deficiente estado das pistas”.

O BNG rexeita as prohibicións “irracionais” impostas polo Concello de Vigo nas pistas de atletismo de Balaídos

O Bloque Nacionalista Galego rexeita as prohibicións “irracionais” impostas polo Concello de Vigo nas pistas de atletismo de Balaídos. A fronte nacionalista cualifica de “delirante réxime carcelario” as normas ditadas polo goberno de Abel Caballero nas instalacións deportivas, que impiden adestrar sen camiseta ou beber, entre outras restricións, e reclama que se atendan as reivindicacións e queixas das e dos deportistas.


“Estamos ante unha evidencia da irracionalidade e do abandono aos que ten sometido as pistas de atletismo de Balaídos”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que urxiu ao Goberno municipal a poñer fin a estas limitacións “que parecen sacadas doutra época” e resolver o “funcionamento gravemente deficiente” das instalacións.

Imaxe: @David_Gatsu

Igrexas detallou algunhas das prohibicións denunciadas desde hai tempo polas e polos propios deportistas: non se permite correr sen calzado de cravos, nin facer series con arrastres, nin utilizar unha bicicleta para marcar o ritmo así como a imposibilidade de utilizar a rúa 1. A estas restricións, veñen de sumarse a limitación de adestrar sen camiseta ou a prohibición expresa de comer e mesmo beber nas pistas.

“A mellor política deportiva pasa por deixar de ‘acosar’ as e os deportistas desta cidade con prohibicións delirantes e atender dunha vez por todas as súas reivindicacións e queixas máis que motivadas”, demandou o edil nacionalista

Remodelación pendente das pistas

Desde a fronte nacionalista reiteraron tamén a necesidade de iniciar a remodelación das pistas de atletismo de Balaídos ante o estado “lamentábel” das instalacións. O concelleiro do BNG afeou que tanto o Concello de Vigo como a Xunta de Galiza continúen a demorar a reforma, pendente desde 2008 coa sinatura dun convenio entre a Concellaría de Deportes e a Dirección Xeral de Deporte do Goberno galego. Igrexas recordou que o propio alcalde de Vigo comprometía en xullo de 2021 a elaboración do proxecto de reforma das pistas, mais censurou que até o momento só se teñan executado “parches de emerxencia”.

O BNG rexeita as prohibicións “irracionais” impostas polo Concello de Vigo nas pistas de atletismo de Balaídos