O BNG de Vigo acusa a PSOE e PP de dinamitar a Área Metropolitana por intereses partidistas
A fronte nacionalista reclama no Pleno que o Goberno municipal e a Xunta acorden unha fórmula para incorporar a Vigo na rede de transporte da súa propia área.
Xabier P. Igrexas: “Nunca quixeron dotala de eficacia, só pelexar por quen presidía este esqueleto administrativo sen posibilidade material de prestar ningún servizo á veciñanza”.
O Bloque Nacionalista Galego acusa a PSOE e PP de dinamitar a Área Metropolitana de Vigo por intereses partidistas. A fronte nacionalista vén de reclamar este mércores no Pleno municipal que o Goberno local e a Xunta de Galiza acorden as actuacións necesarias para dotar de eficacia este organismo así como unha fórmula para incorporar á cidade na rede de transporte da súa propia área.
“É o maior exemplo desa permanente lea na que PSOE e PP secuestran a cidade unicamente en favor dos seus particulares intereses electorais”, denunciou durante a sesión plenaria o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que este conflito teña provocado unha “frustrada” constitución da Área Metropolitana ao non contar con posibilidade material de prestar ningún servizo á veciñanza de Vigo e a súa contorna.
Igrexas censurou que a única preocupación de ambas forzas políticas sobre esta cuestión sexa quen encabeza o organismo.
“Nin o PP nin o PSOE quixeron nunca vertebrar territorialmente a realidade de Vigo coa súa área metropolitana, dedicáronse só a pelexar por
quen presidía este esqueleto administrativo”
O edil nacionalista defendeu que a Área Metropolitana ten ser “unha realidade útil, con competencias claras e cun calendario de transferencias por parte do Goberno español, da Xunta e da Deputación de Pontevedra”. Por iso, chamou a ambas formacións a aparcar o conflito partidista para materializar esta necesaria actuación.
Desde o BNG insistiron ademais na urxencia de incluír a Vigo na rede de transporte metropolitano. Unha situación que as nacionalistas cualificaron de “disparate” e da que responsabilizaron a PSOE e PP pola súa “incapacidade” para chegar a un consenso en beneficio das veciñas e veciños da cidade.
Neste sentido, Igrexas formulou unha emenda á moción presentada polo grupo municipal socialista para incorporar estes acordos como condición para dar o voto positivo das nacionalistas. Finalmente, a emenda resultou rexeitada polo PSOE.