O BNG de Vigo critica que Rueda presuma de asistencia a Navalia mentres a Xunta desatende a situación límite do naval
A fronte nacionalista reitera a necesidade dunha “enérxica intervención pública” que blinde o emprego e o futuro do sector na cidade, que perdeu 10 mil postos de traballo desde desde a chegada do PP ao Goberno galego.
Xabier P. Igrexas: "A este paso, cando se celebre a vindeira edición de Navalia en 2024, pode que o naval de Vigo xa estea practicamente desaparecido".
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo critica que o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebre as 20 mil visitas á feira Navalia mentres o seu goberno continúa sen tomar ningunha medida para garantir o futuro do naval. A fronte nacionalista reitera a necesidade dunha “enérxica intervención pública” que blinde a carga de traballo e o emprego nun sector “estratéxico” para a cidade e para a comarca, pero que vive unha situación límite.
“O que lle debera preocupar e ocupar ao presidente accidental da Xunta, o dato realmente importante, son os preto de 10 mil postos de traballo que se teñen destruído no sector naval de Vigo desde a chegada do PP á Xunta no ano 2009”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. "A este paso, se non se actúa de forma decidida, cando se celebre a vindeira edición de Navalia en 2024 pode que o naval de Vigo xa estea practicamente desaparecido", lamentou.
Igrexas censurou que a Xunta, malia ter competencias en materia industrial, limite a súa actuación a “mandar o balón fóra e unicamente apele á indiferenza do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos”.
"Non abonda con insistir na importancia do sector ao tempo que non sei fai nada para evitar o seu esmorecemento”, criticou o edil nacionalista.
Neste sentido, lembrou que os maiores estaleiros de Vigo enfrontan un escenario crítico, con Barreras en proceso de liquidación concursal onde só se garante a continuidade de 20 postos de traballo, coa antiga Vulcano (hoxe estaleiros San Enrique) aínda envolta en importantes incertezas, con Metalships sen apenas carga de traballo e coa industria auxiliar “desertizada” polos efectos derivados das numerosas crises nas principais empresas do sector.