O BNG rexeita o proxecto dunha 'sala de lectura' sen libros e demanda unha biblioteca de verdade para Teis

Reunión do BNG de Vigo coa AV Teis e Anpas do barrio
Reunión do BNG de Vigo coa AV Teis e Anpas do barrio

A fronte nacionalista reitera a necesidade desta dotación para o barrio, prometida até 20 veces por Abel Caballero durante nove anos, nun encontro con representantes da Asociación Veciñal e das Anpas de Teis

O proxecto do Goberno municipal prevé que este espazo teña 100 metros cadrados menos de superficie e un 30% menos de postos que a única biblioteca municipal existente, a Neira Vilas no Calvario, impulsada en 2011 polo BNG

Xabier P. Igrexas: “A aposta do BNG é desenvolver unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias, retomando o proxecto iniciado en 2011 coa Neiras Vilas”

O BNG rexeita o proxecto dunha 'sala de lectura' sen libros e demanda unha biblioteca de verdade para Teis

O Bloque Nacionalista Galego rexeita o proxecto dunha ‘sala de lectura’ sen libros e demanda unha biblioteca de verdade para Teis. Así o trasladou a fronte nacionalista nun encontro con representantes da Asociación Veciñal de Teis e das Anpas do barrio, a quen lles recoñeceu o propio Goberno municipal que non ten intención de poñer en marcha unha biblioteca. 

“Son máis de 9 anos de promesas, de máis de 20 anuncios por boca de Abel Caballero, que se van converter nunha verdadeira estafa á veciñanza de Teis”, cuestionou nese sentido o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, acompañado da tamén concelleira nacionalista, Ana Martínez. Na xuntanza, os colectivos do barrio trasladaron a súa indignación perante o “engano” da promesa incumprida por parte do Goberno municipal e manifestaron a súa intención de seguir a reclamar a biblioteca.

Igrexas insistiu en que Teis “merece e necesita” esta dotación e non apenas un espazo sen libros nin persoal bibliotecario, na liña das salas de lectura abertas polo Goberno local durante os últimos anos

Ademais, o voceiro nacionalista advertiu de que o proxecto de Abel Caballero quere reducir substancialmente as dimensións do actual inmóbel (o antigo ambulatorio de Teis) que prevé demoler para a nova construción.

Así, dende o BNG reprocharon que vaia contar con 100 metros cadrados menos de superficie e un 30% menos de postos de lectura que a única biblioteca municipal existente, a Neira Vilas no Calvario, impulsada polo BNG no ano 2011 cando xestionaba a área de Cultura. Un proxecto que, subliñou Igrexas, apostan por retomar co obxectivo de despregar unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias da cidade.

“Xa abonda de tanta tomadura de pelo”, asegurou Igrexas. “O BNG trasladamos o compromiso de que imos seguir dando a batalla para que Teis teña a biblioteca e para avanzar nunha política que democratice de verdade o acceso á cultura para toda a veciñanza de Vigo”, engadiu.
O BNG rexeita o proxecto dunha 'sala de lectura' sen libros e demanda unha biblioteca de verdade para Teis