O BNG de Vigo esíxelle á nova delegada da Xunta que poña fin ao “abandono e castigo” coa cidade
O concelleiro e portavoz nacionalista en Vigo reclama nunha carta a Ana Ortiz unha rectificación “urxente e profunda” con até 30 débedas pendentes do Goberno galego
Xabier P. Igrexas: “A maioría absoluta do PP no Parlamento galego dixo non a todas e cada unha das emendas do BNG nos últimos 4 anos, que supuxo dicir non a incrementar en 400 millóns de euros o investimento en Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego esíxelle a nova delegada territorial da Xunta en Vigo que poña fin ao “abandono e castigo” coa cidade. Así o expresou o concelleiro e portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, nunha carta dirixida a Ana Ortiz, que vén de tomar posesión este martes, na que lle reclamou unha rectificación “urxente e profunda” das políticas do Goberno galego e na que detallou até 30 débedas pendentes.
Igrexas defendeu que a cidade “merece máis que un mero relevo de persoas” á fronte da institución, e asegurou que esperan que o cambio na delegación se traduza nun novo ciclo que remate co “total e deliberado abandono” aplicado polo PP na Xunta dende 2009, malia que matizou que o BNG non ten “ningún tipo de esperanza de que así sexa”.
“Un abandono que se traduce e manifesta de maneira incontestábel nunha clara falla de investimentos pero, o que é máis grave, na continuada deserción das competencias que o Goberno galego ten de exercer tamén na cidade”, valorou o portavoz nacionalista, que reprochou a “sistemática desatención” das necesidades da principal cidade galega na que habitan oficialmente 292.374 persoas, pero na que viven e traballan moitos millares máis.
O concelleiro do BNG demandou que a Xunta deixe de “utilizar” a permanente confrontación “partidista” co Goberno municipal como “coartada e escusa” para continuar ignorando á cidade.
“Pedimos unha emenda á totalidade das nefastas políticas coas que o PP segue teimando en castigar a nosa cidade”, insistiu Igrexas, que declinou asistir este martes á toma de posesión da nova delegada territorial
Afeou, nese sentido, que a maioría absoluta do PP no Parlamento de Galiza dixeran non a todas e cada unha das emendas do BNG nos últimos 4 anos, “o que supuxo dicir que non a incrementar en 400 millóns de euros o investimento en Vigo”. Entre as débedas coa cidade, o edil nacionalista detallou até 30 cuestións que a xuízo do BNG son da “máxima importancia”.
Desbloquear Área Metropolitana
Como primeira medida, Igrexas reclamou o “desbloqueo” da incorporación de Vigo na rede de transporte metropolitano, así como a posta en marcha “efectiva” da Área Metropolitana. Con ese fin, chamou a deseñar un calendario de traspaso de competencias e recursos a este ente por parte das restantes administracións.
Déficits en educación
En materia educativa, o portavoz do BNG esixiu un “compromiso real” para a construción dun instituto no barrio de Navia para que estea operativo no curso 2024-2025. Tamén a elaboración dunha nova zonificación escolar que non privilexie os centros privados-concertados e conte coa participación e o máximo consenso da comunidade educativa. Ademais, pediu a mellora dos equipamentos dos centros escolares públicos e un aumento “substancial” da oferta de prazas públicas de escolas infantís.
Reverter a privatización sanitaria
No terreo sanitario, Igrexas chamou a atender o “clamor social” revertendo a privatización da xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro e promovendo a absorción de Povisa na rede Sergas. Na mesma liña, reclamou o reforzo urxente da Atención Primaria e do PAC de Pizarro, así como a posta en marcha de dous novos en Teis e Navia-Coia. No caso do centro de saúde de Bouzas demandou a recuperación do proxecto inicial con todos os medios comprometidos.
Tren de cercanías e infraestruturas
O concelleiro nacionalista destacou tamén os déficits en infraestuturas, no que salientou a necesidade dun impulso por parte da Xunta dun tren de cercanías na área de Vigo, así como atender demandas históricas da cidade como o túnel de Xulián Estévez ou a prolongación do túnel de Beiramar.
Vivenda e industria
Dende o BNG consideraron urxente atender dúas das principais preocupacións sociais en Vigo como son a vivenda e o emprego. Nese sentido, Igrexas reiterou a demanda dun Parque de Vivendas Sociais que faciliten o acceso a este ben esencial. En materia laboral, propuxo de novo un Plan de Reindustrialización da comarca, un Centro de Reparacións Navais na ría de Vigo e un Centro Metropolitano para o Impulso Tecnolóxico.