O BNG de Vigo esixe responsabilidades polo operativo policial que impediu a manifestación legal do sector do metal

Manifestación do Metal o pasado 20 de xuño no Ifevi (Foto: CIG)
Manifestación do Metal o pasado 20 de xuño no Ifevi (Foto: CIG)

A fronte nacionalista esixe explicacións da Subdelegación do Goberno polas cargas policiais e por impedir que a manifestación, que contaba con autorización, accedera ás inmediacións do Ifevi

Xabier P. Igrexas: “Ningún evento, tampouco a Mindtech, está por riba do exercicio de dereitos fundamentais como o dereito á folga e como o dereito á manifestación”

O BNG de Vigo esixe responsabilidades polo operativo policial que impediu a manifestación legal do sector do metal

O Bloque Nacionalista Galego esixe responsabilidades polo operativo policial que impediu este xoves a manifestación legal do sector do metal en Vigo, no marco da terceira xornada de folga en demanda dun convenio digno. Así, a fronte nacionalista esixe explicacións da Subdelegación do Goberno español polas cargas policiais e por impedir que a manifestación, que contaba con autorización, accedera ás inmediacións do Ifevi onde está a decorrer a feira Mindtech.

“É absolutamente intolerábel que os corpos policiais, por indicación da Subdelegación do Goberno, veñan de impedir unha manifestación perfectamente legal, que contaba coa autorización preceptiva”, criticou o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, que asegurou que “ningún evento, tampouco a Mindtech, está por riba do exercicio de dereitos fundamentais como o dereito a folga e manifestación”.

Igrexas cualificou imaxes das cargas policiais como propias de “tempos pasados”, co uso de medios “excesivos e desproporcionados” como pelotas de goma malia o “grave risco” que supoñen ou con furgonetas policiais perseguindo manifestación monte a través. “O BNG esiximos con firmeza que cesen este tipo de comportamentos e que os corpos policiais cumpran co seu papel, que é o de garantir o exercicio pleno de dereitos fundamentais como os de folga e manifestación”, reclamou.

O portavoz nacionalista afeou nese sentido a “complicidade” do Goberno español para “blindar” con medios policiais un evento organizado pola patronal, ao que se lle suma o abandono da Xunta de Galiza que “non moveu un só dedo como autoridade laboral” para desbloquear as negociacións dun convenio colectivo da “máxima importancia” para Vigo, a súa comarca, a provincia e “referencial” no conxunto do País.

O BNG de Vigo esixe responsabilidades polo operativo policial que impediu a manifestación legal do sector do metal