O BNG rexeita a subida do billete ordinario de transporte público e demanda a reordenación das liñas
O concelleiro do BNG, Xabier Alonso, expresou esta mañá a oposición do grupo nacionalista á subida do billete ordinario do transporte público, tal e como pretende a concesionaria Vitrasa. Pola contra, demandou novamente a elaboración dun plan global de mobilidade para a cidade que dea resposta as necesidades dos vigueses e viguesas.
Na xuntanza, Xabier Alonso destacou a necesidade de que as tarifas do transporte público deben atender aos colectivos máis afectados pola crise económica. Neste sentido lembrou que o Bloque xa defendeu incluír como emendas ás ordenanzas municipais dúas condicións que considera fundamentais, como son a conxelación do prezo do billete ordinario e a creación dunha tarxeta social destinada a persoas que xa non teñen ingresos.
Por outro lado, o edil nacionalista subliñou que para o BNG é indispensable acometer a reordenación das liñas do transporte colectivo vigués, de xeito que melloren a súa eficacia e faciliten a comunicación entre os distintos barrios e parroquias da cidade e con puntos de tan difícil acceso para as persoas que queiran utilizar o autobús urbano como o hospital do Meixoeiro.
Desde o Bloque levamos tempo pedindo a remodelación das liñas de transporte, porque as actuais non responden ás necesidades da cidadanía, lembrou.