O pleno apoia a reclamación do Bloque de crear unha tarifa eléctrica galega
Vigo, 8 de xaneiro de 2014.- O BNG vigués logrou sacar adiante no pleno celebrado hoxe, como emendas a sendas mocións presentadas polo grupo socialista, dúas propostas que de aplicarse repercutirán positivamente na vida cotiá de milleiros de galegos e galegas. Así, acadou o respaldo para solicitar ao goberno do Estado que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega, tendo en conta que Galiza é excedentaria na produción de electricidade.
O edil Xabier Alonso manifestou o apoio á petición do grupo socialista para que a Xunta adopte de forma urxente as medidas que garantan o subministro enerxético ás persoas con rendas máis baixas. Ademais, criticou o cinismo do PP ao presentar unha emenda instando ao goberno do Estado a protexer aos colectivos máis vulnerables.
Para o concelleiro nacionalista, a proposta dos populares é unha clara mostra de cinismo político, posto que precisamente eses colectivos son máis vulnerables por culpa das decisións que toma o PP nos gobernos do Estado e da Xunta, como a reforma laboral, e os recortes en sanidade e ensino.
Cláusulas solo
O BNG apoiou asemade a moción do PSOE que insta á Xunta a utilizar o Instituto Galego de Consumo para que medie en favor da aplicación da sentenza que declara abusivas as cláusulas solo. Ao respecto Santi Domínguez explicou a pertinencia de que a lexislación recolla as constantes demandas de Adicae para a devolución dos cartos ás persoas afectadas e sobre a delimitación dos supostos nos que se concreta o abuso por falta de reciprocidade.
Neste sentido, o concelleiro do BNG explicou que esta demanda reclama que se lexisle con claridade, ao contemplar tres casos nos que falte reciprocidade. Así, Santi Domínguez sinalou os casos nos que non haxa equilibrio entre os dereitos do consumidor coa entidade, xa que só hai cláusula solo pero non teito; os casos nos que a entidade introduza un solo e teito en niveis moi elevados co obxectivo da conseguir beneficios; e casos nos que existe unha desproporción entre solo e teito, producíndose desequilibrio entre dereitos e obrigas que impoñen ambas cláusulas.
Orzamentos municipais
O Bloque votou a favor da moción do PP que insta ao goberno local a presentar o proxecto dos orzamentos municipais no prazo dun mes. Ao respecto, Iolanda Veloso destacou que o BNG leva tempo pedindo debater a parte de ingresos dos orzamentos e reclamou do alcalde que non utilice a reforma local do Partido Popular para aprobar as contas municipais unicamente en Xunta de Goberno
Neste liña, o Bloque presentou unha emenda á moción popular que non foi aceptada polo PP. Porén, a voceira nacionalista salientou que ao BNG lle gustaría ter a garantía de que o goberno local non vai aproveitar a lexislación do PP para non debater no pleno os orzamentos municipais.
Teríanos gustado ter orzamentos a estas alturas e saber con que recursos vai contar o Concello de Vigo, destacou, tendo en conta que este 2014 será un ano no que a crise seguirá aumentando xa que os recortes por parte do goberno estatal e da Xunta son constantes.