Brais Ruanova pide que este 23X “ningún voto quede na casa” e apela directamente á participación da mocidade
Na xornada de reflexión do candidato vigués do BNG ao Congreso, Brais Ruanova, compartiu na vila de Bouzas un vermú informal con outros integrantes da candidatura, como Nuno Galán, a deputada no Parlamento galego e coordinadora local da campaña, Carmela González, o concelleiro e concelleira en Vigo, Filipe Abalde e Ana Martínez, e mais o responsábel comarcal da fronte nacionalista, Manuel Caride.
Un encontro distendido que serviu, en palabras de Ruanova, para “poñer en común as sensacións que deixan dúas semanas intensas de campaña” e tamén para preparar a abordaxe dunha “xornada electoral que vai ser chave para o futuro de Vigo e de Galiza”.
O candidato quixo expresar o seu “agradecemento inmenso á militancia e simpatizantes do BNG que permitiron desenvolver unha grande campaña na cidade para visibilizar que hai unha alternativa propia fronte ás forzas estatais”.
Ruanova fixo un chamamento á participación nas eleccións de mañá. “Que ningún voto quede na casa. Todo os votos contan e confío en que haberá moitos votos coa idea clara de facer contar Galiza”, afirmou. Neste sentido, apelou de maneira expresa ao voto xuvenil que “vai ser decisivo”. “As mozas e mozos de Vigo teñen que saber que se non votan outros decidirán por eles e elas. Na súa man está decidir o seu futuro”, remachou.
Para o que resta de xornada de reflexión o candidato aproveitará o día para “desfrutar da praia e do fantástico clima que temos no sur de Galiza”. Mañá, domingo, exercerá o seu voto no CEIP Josefa Alonso, en Matamá, ás 10:30h acompañado do Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e de outros integrantes da candidatura e dirixentes da fronte nacionalista.