O BNG pedirá explicacións no Parlamento polo uso “partidista e parasitario” que fai o PP de Vigo da axenda institucional da Xunta

Carmela González e Xabier P. Igrexas
Carmela González e Xabier P. Igrexas

Hai poucos días o portavoz do grupo municipal do PP no Concello de Vigo aparecía, sen xustificación, na mesa a carón do conselleiro de Emprego nun encontro institucional celebrado pola Xunta co sector comercio

A deputada nacionalista, Carmela González, anuncia que interpelará a Xunta no Parlamento de Galiza sobre a “permanente confusión entre partido e institución”

Xabier P. Igrexas: “É moi triste que o PP de Vigo pense que vai suplir a súa absoluta falla de proxecto para a cidade con selfies oportunistas do seu portavoz provisional no Concello”

O BNG pedirá explicacións no Parlamento polo uso “partidista e parasitario” que fai o PP de Vigo da axenda institucional da Xunta

O Bloque Nacionalista Galego demandará formalmente explicacións á Xunta de Galiza polo uso “partidista e parasitario” que o PP de Vigo fai da axenda institucional do Goberno galego. No concreto, a fronte nacionalista denuncia a presenza, sen ningún tipo de xustificación, do portavoz municipal do PP no Concello de Vigo, Miguel Martín, nun encontro oficial que mantivo o Conselleiro de Emprego e Comercio, José González, con representantes do sector comercio da provincia de Pontevedra no IFEVI o pasado 10 de outubro.

Miguel Martín, portavoz municipal do PP  (primeiro pola esq.,) Imaxe: Xunta
Miguel Martín, portavoz municipal do PP (primeiro pola esq.,)

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, a viguesa Carmela González, anunciou que rexistrará iniciativas para interpelar a Xunta sobre a “permanente confusión entre partido e institución” que de maneira sistemática fan na cidade de Vigo. “A resposta á derrota electoral que o PP sufriu en Vigo nas últimas eleccións galegas, nas que o BNG fomos a primeira forza na cidade, non pode ser converter as institucións de todas e todos na súa plataforma partidista”, denunciou.

“Están moi equivocados se cren que con paracaidismo propagandístico de conselleiros e conselleiras van lograr que as viguesas e vigueses esquezan como o PP leva maltratando a maior cidade do noso País desde hai quince anos”, advírtelles.

Aliás, González cargou con dureza contra a política “de xestos e grandes anuncios baleiros” por parte do Goberno galego cando “o comercio de proximidade segue a padecer o seu total abandono e non existen políticas reais para apoiar un sector que vertebra e dinamiza os nosos barrios e crea emprego estábel”. “Menos plans estratéxicos e máis medidas concretas”, esixiu.

Xunta inútil para Vigo

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, encadrou “na peor tradición da dereita españolista” o uso particular e electoralista que o PP fai das administracións públicas. “É moi triste que o PP de Vigo pense que vai suplir a súa absoluta falla de proxecto para a cidade con selfies oportunistas do seu portavoz provisional no Concello”, ironizou.

“Despois de insistir en utilizar a Delegación Territorial da Xunta como o seu particular senado na cidade reducíndoa a un comisariado de propaganda, agora convértena nun permanente photocall”, critica Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista esixe “menos frivolidade” e lembra que “as viguesas e vigueses somos, antes de máis, galegas e galegos con dereitos que merecemos que a Xunta deixe de ser un logotipo inútil para a nosa cidade”.

O BNG pedirá explicacións no Parlamento polo uso “partidista e parasitario” que fai o PP de Vigo da axenda institucional da Xunta