O BNG de Vigo esixe a retirada nos soportes publicitarios da cidade da campaña ultraespañolista que reivindica como “santa e heroica” a conquista de América
A Asociación Católica de Propagandistas instalou, co gallo do “Día da Hispanidade”, carteis en marquesiñas de autobús da cidade negando o xenocidio e dominación colonial que provocou a conquista a conquista de América
Xabier P. Igrexas: “Presentar como ‘heroes e santos’ os responsábeis dun réxime de dominación violenta ao servizo da monarquía española, que provocoua morte de 9 de cada 10 indíxenas e millóns de persoas escravizadas, atenta contra a defensa dos máis elementais dereitos humanos”
Diante da aparición dunha campaña ultraespañolista reivindicando a conquista de América en soportes publicitarios públicos na cidade de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego vén de dirixirse ao Goberno municipal esixindo que actúe para a súa retirada. No concreto, trátase de cartelaría co lema “1492, ni genocidas, ni esclavistas. Fueron heroes y santos” promovida pola Asociación Católica de Propagandistas (ACdP) para “celebrar” o denominado Día da Hispanidade, instalada en marquesiñas de paradas de bus, en rúas como a avenida García Barbón.
Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, esta campaña “promove abertamente o odio e alenta un discurso antihistórico que nega o xenocidio, a dominación e a escravitude que provocou a conquista colonial de América promovida desde o século XV”. “Presentar como heroes e santos os responsábeis dun réxime de dominación violenta ao servizo da monarquía española que provocou, segundo diversas estimacións históricas, a morte de 9 de cada 10 indíxenas e millóns de persoas escravizadas atenta contra a defensa dos máis elementais dereitos humanos”, explicou.
Igrexas urxiu o Goberno municipal de Abel Caballero a actuar para impedir que en soportes publicitarios que fan parte do mobiliario público municipal se faga “apoloxía do xenocidio”. No concreto, demanda que se dean instrucións inmediatas para a retirada desta campaña promovida pola ACdP, entidade editora do xornal dixital El Debate.
“O nacionalismo galego non recoñecemos nin participamos de conmemoracións que celebran a opresión a lume e sangue dos pobos, por iso dicimos rotundamente que non temos nada que celebrar o 12 de outubro”, acrecentou.