A Valedora do Pobo abre expediente ao Concello por ocultar a documentación do reequilibrio de Vitrasa

Atende a queixa formulada polo Grupo Municipal do BNG contra a resolución na que ilegalmente o Goberno municipal se nega a informar e facilitar acceso a documentación sobre unha eventual nova indemnización á concesionaria do bus urbano

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses merecen coñecer, con luz e taquígrafos, que pretende facer o Goberno local co diñeiro de todas, despois de terlle entregado case 6 millóns de euros a Vitrasa en compensación polas restricións da Covid e de agasallarlle unha prórroga de 5 anos”

A Valedora do Pobo abre expediente ao Concello por ocultar a documentación do reequilibrio de Vitrasa

A Valedora do Pobo de Galiza vén de resolver a apertura dun expediente e iniciar actuacións diante do Concello de Vigo pola queixa formulada desde o BNG ante a denegación por parte do Goberno municipal do acceso ao expediente do reequilibrio económico da concesión de bus urbano da cidade.

O pasado 11 de decembro a través dunha resolución asinada polo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, o Executivo local denegaba o acceso ao referido expediente, que fora solicitado formalmente polo Grupo Municipal do BNG en data de 30 de novembro. Na resolución, que foi tamén impugnada a través dun Recurso de Reposición polo BNG, o Goberno local ditaba que se daría acceso ao expediente municipal “no momento no que se acheguen ao expediente os informes solicitados e preceptivos, para a resolución do expediente” (sic).

Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, o Goberno de Caballero “repite o mesmo guión que cando tentou ocultar a documentación do escándalo do frustrado patrocinio publicitario do concerto de Guns N’ Roses”. “É claro que o alcalde ten moito que esconder neste asunto e non quere que nin o BNG, nin moito menos a cidade, saibamos que cando o 22 de novembro anunciaba que xa estaba moi avanzado o reequilibrio en realidade estaba mentindo”, acrecentou.

“As viguesas e vigueses merecen coñecer, con luz e taquígrafos, que pretende facer o goberno local co diñeiro de todas, despois de terlle entregado case 6 millóns de euros a Vitrasa en compensación polas restricións da Covid e de agasallarlle unha prórroga de 5 anos”, esixe Igrexas.

Desde o BNG consideran “escandaloso” que o Goberno municipal se teña negado reiteradamente a dar explicacións e informar sobre este asunto, tanto denegando o acceso a documentación como sen dar resposta ás interpelacións en Comisión Informativa e no Pleno.

Vulneración de dereitos fundamentais

A decisión do Goberno que agora será investigada pola Valedora do Pobo supón unha clara vulneración dos dereitos fundamentais dos concelleiro e concelleira do Grupo Municipal do BNG. Nomeadamente no recollido no artigo 9 do Regulamento Orgánico do Pleno, que en termos análogos aos recollidos no ROF e na Lei de Administración Local de Galiza, estabelece de maneira taxativa que “os concelleiros, previa petición presentada no Rexistro do Pleno, sen necesidade de xustificación, obterán do Alcalde para a súa consulta e exame, cantos expedientes, antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función”.

O primeiro incumprimento é o do prazo de 5 días naturais, que fixa o propio regulamento municipal, para resolver e materializar o acceso a documentación municipal. A isto engádese a arbitrariedade de autorizar un insólito “acceso en diferido” que carece de toda xustificación, xa que ao se tratar de expedientes electrónicos o seu acceso ou consulta non impide a súa tramitación administrativa.

 

Con esta actuación é a segunda vez neste mandato que a Valedora de Pobo ten que abrir dilixencias diante da opacidade do Goberno municipal o que, para Igrexas, “dá boa conta da degradación democrática no Concello de Vigo que impón ilegalmente o absolutismo de Caballero”.

A Valedora do Pobo abre expediente ao Concello por ocultar a documentación do reequilibrio de Vitrasa