BNG exixe ao Goberno a urxente reforma do centro do IEO de Vigo e denuncia o seu abandono
“Como se explica que o Ministerio de Ciencia aprobe investimentos para novos proxectos e rehabilitacións doutros centros ao tempo que relega a necesaria reforma do IEO de Vigo, con problemas estruturais no edificio?”
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora, Carme Da Silva, presentaron senllas iniciativas parlamentares para exixir ao Ministerio de Ciencia que leve a cabo canto antes a reforma do edificio do centro do IEO de Vigo, situado en cabo Estai e con serios problemas estruturais.
Explican que o edificio inaugurado en 1986 nunca foi obxecto de investimentos en mantemento. “As dependencias do IEO encóntranse en moi mal estado e precisan con carácter urxente, múltiples actuacións. Unha situación denunciada reiteradamente polo persoal do centro”.
O deterioro é de tal calibre que “obriga os traballadores e traballadoras a levar casco polo perigo de caída de entullos”. Sinalan que o inmóbel sofre danos estruturais que “foron advertidos polo propio Goberno, mais sen ter adoptado medidas”. Destacan a “gravidade da situación após cinco anos de demandas” sen que o Ministerio fixese nada para garantir a seguridade do persoal e habilitar as dotacións económicas que este centro de prestixio e excelencia científica coñecidas precisan.
O Ministerio discrimina o IEO de Vigo
O deputado e a senadora do BNG critican a discriminación do IEO de Vigo, “sempre relegado polo Goberno que ao tempo anuncia novos proxectos, ampliacións e remodelacións noutras partes do Estado con importantes investimentos, algúns deles con cargo aos Fondos NextGeneration”. Por iso o BNG pregunta a que se debe “esta pasividade cando está en xogo a propia integridade física do persoal. Non cre que un centro como este, de alta calidade e prestixio merece un trato mellor?
BNG demanda o traspaso da xestión dos centros do IEO na Galiza
O BNG demanda tamén o traspaso das competencias para a total xestión económica e administrativa dos centros do IEO na Galiza. “A decisión e integrar o IEO no CSIC non fixo que mellorase o centro. É máis, esta centralización dificulta aínda máis os traballos que o IEO debera prestar de apoio e asesoramento ao noso sector pesqueiro”. Lembran que en 2018 o parlamento galego aprobou por unanimidade reclamar dita competencia.
“Desprezo” do Goberno español
“Desde o BNG temos que esixir unha vez máis a fin do desprezo que padece o Centro Oceanográfico de Vigo por parte do Goberno español”, reclamou na mesma liña o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen demandou unha rectificación despois das continuas negativas do PSOE e Unidas Podemos (agora Sumar) ás emendas da fronte nacionalista aos Orzamentos Xerais do Estado en 2023 para destinar un mínimo de 2,4 millóns para a reforma e ampliación do centro vigués.
Igrexas lembrou que este “abandono” se engade á “inxusta e inxustificada exclusión” do Oceanográfico de Vigo como sede permanente de pesquerías e acuicultura do IEO, malia ser un referente internacional no campo da investigación. “É o centro de maior tamaño do Estado e nel traballan arredor dun cento de persoas que teñen desenvolvido un gran esforzo investigador”, subliñou o voceiro municipal.