O BNG urxe designar con consenso unha nova Valedoría da Cidadanía de Vigo
A fronte nacionalista pide abordar o relevo de Luis Espada, tras a súa renuncia o pasado 10 de setembro e despois do “amago de Caballero de impoñer unilateralmente” unha proposta con claras vinculacións co PSOE
Xabier P. Igrexas: “Diante dun Goberno municipal que insiste na súa xordeira autoritaria é máis necesario do que nunca que a Valedoría exerza as súas competencias”
O Bloque Nacionalista Galego urxe designar unha nova persoa á fronte da Valedoría da Cidadanía de Vigo. A fronte nacionalista pide abordar dunha vez o relevo de Luis Espada, tras a renuncia o pasado 10 de setembro, despois do “amago de Abel Caballero de impoñer unilateralmente” unha proposta con claras vinculacións co PSOE.
“Este relevo supón unha oportunidade para abrirmos unha nova etapa á fronte da Valedoría da Cidadanía”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, chamando a reforzar a autonomía e a capacidade deste organismo, creado en 2002 baixo unha alcaldía nacionalista, para garantir unha “verdadeira e efectiva” supervisión e fiscalización da Administración municipal.
Igrexas considerou urxente designar esta figura para atender as numerosas queixas da veciñanza, que desde o inicio deste mandato xa superan as 16 mil. “Diante dun Goberno municipal que insiste na súa xordeira autoritaria, na súa falla de diálogo co tecido asociativo e na desatención das demandas veciñais, é máis necesario do que nunca que a Valedoría exerza as súas competencias”, subliñou.
Nomeamento con consenso
Porén, dende o Bloque advertiron de que o nomeamento da nova Valedoría ten que ser “dialogada e consensuada” para que o organismo actúe coa independencia que require o cargo. “O BNG tendemos a man para promover un acordo unánime que garanta que a nova Valedoría sexa unha figura representativa do conxunto plural da cidade e sen ningunha dúbida de subordinación ao grupo de Goberno”, afirmou o voceiro nacionalista.