O BNG de Vigo reclama un xiro radical das políticas da Xunta diante da grave crise na automoción

Manifestación da CIG en Vigo na xornada de folga da automoción
Manifestación da CIG en Vigo na xornada de folga da automoción

A fronte nacionalista apoia a xornada de folga en defensa do futuro dun sector chave na cidade fronte ás ameazas de deslocalización e a destrución de miles de postos de traballo

Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir a subvencionar con inxentes cantidades de diñeiro público a precariedade laboral e ritmos de traballo absolutamente insoportábeis”

O BNG de Vigo reclama un xiro radical das políticas da Xunta diante da grave crise na automoción

O Bloque Nacionalista Galego reclama unha rectificación das políticas da Xunta diante da grave crise industrial en Vigo, con especial incidencia no sector da automoción. A fronte nacionalista realiza esta demanda tras apoiar a xornada de folga, decorrida este xoves, en defensa do futuro dun sector chave para a cidade e fronte ás ameazas de deslocalización e a destrución de miles de postos de traballo.

“O Goberno galego non pode ficar de costas á grave situación que atravesa o sector da automoción, que é un dos principais expoñentes da crise industrial que vive a nosa cidade”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após participar na manifestación convocada pola CIG xunto a deputada no Parlamento galego Carmela González e o deputado Brais Ruanova.

Igrexas asegurou que esta crise vese reflectida con crueza nas últimas cifras de emprego. Nese sentido, advertiu que só no último trimestre se destruíron na cidade até 1.800 empregos industriais, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). E unha realidade que, dende a entrada do PP na Xunta no ano 2009, supuxo a desaparición de 6.300 postos de traballo en Vigo.

“Urxe por tanto despregar outra política industrial que blinde o futuro de actividades estratéxicas como a automoción, pero tamén de sectores como a construción e a reparación naval”, chamou o portavoz municipal do BNG, quen pediu ao PP abandonar “este esquema produtivo que reduce o futuro industrial de Vigo e de Galiza ao monocultivo do Xacobeo”.

Intervención pública

Fronte a esta crise, dende a fronte nacionalista insisten na urxencia dunha enérxica intervención pública para garantir a continuidade da produción, poñendo freo á crecente deslocalización e ás ameazas de reconversión do sector. Nesa liña, subliñou as iniciativas do Bloque para os Orzamentos da Xunta de 2025, con investimentos por importe de 23 millóns de euros para despregar un Plan Comarcal de Reindustrialización, crear un Centro de Reparacións do Naval e un Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico.

Unha intervención pública que, advertiu Igrexas, non pode consentir o empeoramento das condicións laborais. “Non podemos seguir a subvencionar con inxentes cantidades de diñeiro público a precariedade e o empobrecemento dos salarios, nin tampouco ritmos de traballo cada vez máis insoportábeis”, remachou. 

O BNG de Vigo reclama un xiro radical das políticas da Xunta diante da grave crise na automoción