O BNG denuncia a “política de brazos caídos” de Caballero ante o grave problema da vivenda en Vigo

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista reprocha que non se teña executado ningún dos acordos para frear a escalada dos alugueiros, recollidos na moción do Bloque aprobada polo Pleno en marzo

Pregunta ao Goberno local polo resultado do estudo sobre os prezos da vivenda anunciado en maio como paso previo á solicitude de declaración de zonas tensionadas

Xabier P. Igrexas: “Canto máis teñen que subir os prezos para que o alcalde actúe?”

O BNG denuncia a “política de brazos caídos” de Caballero ante o grave problema da vivenda en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a “política de brazos caídos” do Goberno de Abel Caballero diante do grave problema de acceso social á vivenda en Vigo. A fronte nacionalista reprocha que non se teña executado ningunha das medidas para frear a escalada dos alugueiros que viñan recollidas na moción do Bloque aprobada polo Pleno municipal o pasado mes de marzo.

Así o criticou este martes o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, alertando de que a situación continúa a agravarse cun prezo medio do alugueiro que xa supera en Vigo os 645 euros mensuais, segundo datos do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Nos últimos doce meses, a suba foi do 7,76% e, no último lustro, do 30,45%.

“Canto máis teñen que subir os prezos para que Caballero actúe? Cantas familias e mocidade teñen que ser expulsadas da cidade por non poder permitirse un alugueiro? A que espera exactamente o Goberno municipal?”, cuestionou Igrexas, chamando a “actuar xa con toda a determinación” para garantir o dereito das viguesas e dos vigueses a poder habitar na súa propia cidade.

BNG Logo

Alternativas do BNG ao problema da vivenda en Vigo
Zona tensionada, límite aos pisos turísticos e alugueiros sociais

Consulta a moción do Bloque aprobada polo Pleno en marzo


Sobre esta cuestión interpelou o portavoz nacionalista á concelleira María José Caride no Consello da Xerencia de Urbanismo celebrado este martes. Igrexas preguntou cando se vai facer público o resultado do estudo sobre os prezos da vivenda, anunciado o pasado mes de maio, como paso previo á solicitude de declaración de zonas tensionadas para poder aplicar medidas, previstas na nova Lei de vivenda, para limitar os prezos.

“A resposta dada por Caride volve confirmar a falla de vontade do Goberno municipal, xa que non foi capaz despois de 6 meses nin de sinalar un prazo ou horizonte temporal para que o Concello dispoña dese estudo”, lamentou o voceiro do Bloque. Unha falla de resposta que, a xuízo das nacionalistas, demostra que se trata dunha “medida aparencial para ocultar a patada para adiante” do Goberno de Caballero co problema de vivenda.

O BNG denuncia a “política de brazos caídos” de Caballero ante o grave problema da vivenda en Vigo