O BNG valora positivamente que se constrúa vivenda protexida de calidade e adaptada no centro vigués

O BNG valora positivamente que se constrúa vivenda protexida de calidade e adaptada no centro vigués

Tras a celebración da Xerencia de Urbanismo, na que se volveu a tratar a adxudicación das parcelas de Vila Laura e da Praza Elíptica, a portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, valorou positivamente a súa enaxenación para construir vivenda protexida de calidade e adaptada para persoas con mobilidade reducida no centro da cidade.

Iolanda Veloso lembrou que na Xerencia da pasada semana o Bloque solicitou aclaracións sobre o informe técnico referido á parcela da Praza Elíptica, que era negativo, e presentaba “contradicións entre as vivendas e as prazas de aparcamento adaptadas”, explicou.

Neste sentido, a portavoz do grupo municipal do BNG salientou que na sesión de hoxe foron presentados dous novos informes que “entendemos que aclaran as contradicións, xa que tamén especifican que non existe en realidade un exceso de edificabilidade, senón que era un erro da documentación que se achegou”.

Discurso negativo do PP

“Valoramos moi positivamente a posibilidade de contar cunha parcela no centro de Vigo destinada a construir vivenda protexida adaptada e de calidade, aínda que consideramos que a tramitación debería terse feito mellor, por iso nos abstivemos na votación”, manifestou Veloso, quen reiterou que ao non formar parte da mesa de contratación, o BNG non ten información directa de por que se toman as decisións.

Pola contra, a responsable nacionalista criticou a postura negativa do grupo popular ao votar en contra da proposta. “Unha vez que as contradicións están aclaradas e está xustificada a proposta de adxudicación non entendemos que este grupo se opoña á construción de vivenda protexida de calidade e adaptada ás persoas con mobilidade reducida”, manifestou.

 

O BNG valora positivamente que se constrúa vivenda protexida de calidade e adaptada no centro vigués