O BNG de Vigo presenta 83 alternativas aos orzamentos municipais de 2023 ante o “catálogo propagandístico” de Caballero
A fronte nacionalista formula emendas parciais aos presupostos do grupo socialista nas que recolle propostas e demandas da veciñanza, tras manter un Encontro Aberto con movementos sociais e entidades veciñais
Acusa ao Goberno municipal de “xordeira autoritaria” por elaborar de novo sen diálogo unhas contas que non dan respostas á crise e perpetúan o abandono dos barrios
Xabier P. Igrexas: “O BNG somos o única forza política que presenta alternativas concretas aos orzamentos, na certeza de que a cidade precisa solucións e non apenas críticas ou queixas”
O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar 83 emendas parciais ao proxecto de Orzamentos Municipais de Vigo para 2023. A fronte nacionalista formula así alternativas a unhas contas que tacha de “catálogo propagandístico” do goberno de Abel Caballero, e nas que suma propostas e demandas recollidas nun Encontro Aberto con movementos sociais e asociacións veciñais da cidade.
“Os orzamentos do grupo municipal socialista poden resumirse en apenas tres palabras: máis do mesmo”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que o Goberno local elaborara de novo as contas “de forma obscenamente antidemocrática, sen participación nin diálogo” e reprochou que presente un proxecto que non dá respostas á crise social, que perpetúa o abandono dos barrios e parroquias e insiste na privatización de servizos públicos do Concello.
Igrexas subliñou que, diante da “xordeira autoritaria” do alcalde, o BNG si está “disposto a escoitar e contar coa opinión da veciñanza”
Nese sentido, puxo en valor as achegas recollidas nas emendas parciais da fronte nacionalista, a única forza política da Corporación municipal que formulou propostas concretas en lugar dunha emenda á totalidade para a devolución das contas. “Fixemos ese esforzo de concretar alternativas na certeza de que a cidade precisa solucións e non apenas críticas ou queixas”, explicou.
As alternativas
do BNG
O candidato nacionalista anunciou a presentación en detalle nos vindeiros días destas 83 propostas cunhas “liñas estratéxicas que suporían unha viraxe radical da inercia paralizante de Caballero”.
As alternativas do Bloque apostan por un aumento do gasto en políticas sociais e emprego; máis recursos para os servizos públicos municipais, melloras nas políticas en favor da igualdade, contra as violencias machistas e contra a LGBTfobia; máis cultura e políticas para a mocidade e avances cara un Vigo máis verde e ecolóxico.
“Estas 83 propostas son unha oportunidade para que o Goberno municipal rectifique os orzamentos de 2023, para que deixen de ser as contas de Abel Caballero e da súa corte e sexan os presupostos de toda a cidade e para toda a cidade”, reclamou Igrexas
Advertiu ademais de que “o catálogo propagandístico do alcalde non se vai chegar a executar” como sucedeu cos orzamentos de anos pasados.