O BNG de Vigo denuncia que 6 de cada 10 euros do orzamento municipal de 2023 van parar a privatizacións
A fronte nacionalista critica que o Concello teña 400 postos de traballo públicos sen executar desde 2017 pola falla de vontade do Goberno local
Demanda un estudo para o rescate das principais concesións e a posta en marcha dunha empresa municipal de servizos nas emendas ao proxecto de contas para o vindeiro ano
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero é unha máquina de privatizacións que nada lle ten que envexar ao PP de Feixóo e Rueda nesta materia”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que 6 de cada 10 euros do orzamento municipal de Vigo para o ano 2023 van parar a empresas privadas. A fronte nacionalista critica o continuo proceso de privatizacións dos servizos públicos do Concello durante as alcaldías de Abel Caballero e cuestiona a falla de fiscalización e a complicidade do Goberno local coas concesionarias malia os numerosos casos de incumprimento dos contratos.
“Fronte a ese modelo privatizador, o BNG apostamos decididamente pola xestión pública, para que os servizos municipais non se convirtan en apenas unha fonte de negocio para empresas privadas”, defendeu o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que expuso as emendas do Bloque nesta materia no proxecto de contas municipais para o vindeiro ano.
Igrexas reclamou a realización dun estudo para avaliar e poñer en marcha o rescate público das principais concesións municipais, entre as que destacou a xestión directa do abastecemento e saneamento da auga e do transporte urbano. Nesa liña, demandou a posta en marcha dunha empresa municipal de servizos, que permita executar eses rescates.
“Vigo é unha anomalía no conxunto do Estado, é das poucas cidades do seu tamaño que non conta con ningunha empresa de titularidade municipal”, lamentou o candidato do BNG de Vigo
O candidato do BNG acusou así a Abel Caballero de ser “unha máquina de privatizacións que nada lle ten que envexar ao PP de Feixóo e Rueda”. Así, servizos municipais como a limpeza, a recollida do lixo, o mantemento de parques e xardíns, o estacionamento regulado XER, a xestión dos centros cívicos ou mesmo a apertura das instalacións deportivas están na actualidade xestionados por empresas privadas, en moitas delas con conflitos laborais nos últimos meses pola negativa das concesionarias a cumprir coas obrigas co seu persoal.
“Os servizos do Concello están a converterse nunha fonte de lucro para empresas cuxo funcionamento non conta coa máis mínima fiscalización, e son numerosos os incumprimentos dos pregos concesionais que se consenten de maneira cómplice e deliberada por parte do goberno de Caballero”, criticou o portavoz municipal do BNG.
400 empregos públicos sen executar
O edil nacionalista reiterou tamén a denuncia pola “grave” falla de execución das ofertas públicas de emprego desde o ano 2017. Nese sentido, subliñou que hai case 400 postos de traballo do Concello pendentes de executar sumando a oferta para este curso, que inda está pendente de convocar. “400 empregos públicos no Concello de Vigo que non existen pola falla de vontade do Goberno municipal”, afeou.
“O goberno de Caballero insiste en adelgazar até á anemia o cadro de persoal público mentres engorda cada ano, cunha cantidade inxente de diñeiro de todas as viguesas e vigueses, os petos de empresas privadas”, recriminou
Alertou ademais de que está a avanzar “perigosamente” na desaparición dalgúns servizos municipais, como o servizo de montes, parques e xardíns que vai perder este próximo catro prazas de operario que serán substituídas por postos administrativos. “O BNG non compartimos esa visión que reduce o Concello de Vigo a unha grande estrutura de xestión do negocio privado”, remachou.
Igrexas asegurou que a execución desas prazas é “factíbel e viábel”, dado que o Concello conta con capacidade económica sobrada, e salientou que esas incorporacións permitirían mellorar de maneira “substancial” os servizos municipais e o funcionamento do propio Concello. Como evidencia, o concelleiro do Bloque sinalou que só a ano pasado quedaron sen gastar máis de 14 millóns de euros no capítulo de persoal.