O BNG de Vigo rexeita uns orzamentos municipais “fóra da realidade” que ignoran o contexto de crise
A fronte nacionalista critica que o PSOE tombase no Pleno municipal as 83 propostas do Bloque para reorientar as contas do Concello para o vindeiro ano
O BNG foi a única forza política que non pediu a devolución do presuposto porque “a veciñanza espera e demanda alternativas e non só máis críticas ou queixas”
Xabier P. Igrexas: “Este non é un proxecto de orzamentos para a cidade, son as contas para o xigantesco parque temático de Abelandia”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeita a proposta de orzamentos municipais do goberno de Caballero por estar “fóra da realidade” e ignorar a emerxencia social na cidade. A fronte nacionalista critica que o PSOE tombase no Pleno municipal celebrado este venres as 83 propostas do Bloque para reorientar as contas do Concello para o vindeiro ano.
“As emendas do BNG eran unha oportunidade honesta para que o Goberno local rectificase e actuase para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses”, lamentou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou o proxecto de orzamentos dos socialistas de “récord en xordeira e miopía” pola falla de diálogo na súa elaboración e por virar as costas ás crecentes dificultades de moitos fogares neste contexto de crise e inflación disparada, con recortes en política social.
Así, todas as alternativas formuladas polas nacionalistas como emendas parciais aos orzamentos resultaron rexeitadas polo PSOE, entre elas o aumento do gasto en políticas sociais e emprego, o reforzo dos servizos públicos municipais, melloras nas políticas en favor da igualdade, para máis cultura e políticas para a mocidade e por un avance cara un Vigo máis verde e ecolóxico.
“Este non é un proxecto de orzamentos para a cidade, son as contas para o xigantesco parque temático de Abelandia”, denunciou Igrexas, que puxo en valor que o BNG foi a única forza política da oposición que non pediu a devolución do presuposto por “responsabilidade” e porque “a veciñanza espera e demanda alternativas e non só máis críticas ou queixas”.
O edil nacionalista aseguro que diante do “gravísimo” problema de acceso á vivenda, o alcalde pretenda resolvelo con máis visitas ao plató de 'El Hormiguero', en lugar de poñer en marcha unha Axencia Local de Vivenda Social ou un Plan de Axudas ao Alugueiro como propón o Bloque; ou que diante das “filas da fame” a solución do Goberno local sexa adiantar uns días máis o acendido das luces de nadal. “Ou o estado calamitoso de abandono das instalacións deportivas se cadra vai ser superado con algún meme viral co rexedor practicando breakdance”, ironizou.