Xabier P. Igrexas: “Algo cheira a podre no urbanismo de Vigo e os chalés VIP en Cabo Estai apestan a chanchullo”
A fronte nacionalista denuncia a inacción do Goberno municipal diante das “evidencias rotundas de graves irregularidades” na construcción desta urbanización de luxo
Esixe investigar este “pelotazo especulativo” autorizado por Urbanismo en primeira liña de costa e depurar as presuntas implicacións de dous funcionarios do Concello que están a ser investigados pola Fiscalía
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a inacción do Goberno de Abel Caballero diante das “evidencias rotundas de graves irregularidades” na construcción dunha urbanización de luxo a pé de praia en Cabo Estai. A fronte nacionalista esixe unha investigación do Concello sobre este “pelotazo especulativo” autorizado por Urbanismo e depurar as presuntas implicacións de dous funcionarios municipais.
“Algo cheira a podre no urbanismo de Vigo e o proxecto de chalés VIP en Cabo Estai apesta a chanchullo”, advertiu o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas. Unhas actuacións urbanísticas que están agora baixo o foco da Fiscalía e que xa foron denunciadas de forma reiterada tanto pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia como polo propio Bloque ante os numerosos “indicios de clara ilegalidade”.
Igrexas volveu interpelar este martes á concelleira de Urbanismo, María José Caride, a respecto das medidas que emprendeu ou vai emprender a Xerencia diante destas sospeitas. “A resposta da señora Caride foi absolutamente escandalosa, recoñecendo sen reparo que non se ten iniciado ningunha actuación, nin disciplinaria nin de revisión, cando existen evidencias rotundas de graves irregularidades”, reprochou.
O edil nacionalista cualificou de “inaceptábel” que a concelleira de Urbanismo “pretenda meter debaixo da alfombra este novo escándalo” e afeou que defenda unhas licenzas municipais que “coa lei na man nunca deberon ser outorgadas”. Reclamou, nese sentido, que se investigue “até as últimas consecuencias” e “caia quen caia” o que está detrás deste proxecto, en particular a presunta participación de dous funcionarios da Xerencia de Urbanismo.
“Non podemos ter urbanismo á carta en función dos apelidos dos promotores”, demandou o concelleiro do BNG, que chamou a rematar cos “tempos da barra libre urbanística” na cidade
Dende o Bloque lembraron que este proxecto de urbanización de luxo está envolto en sospeitas por usurpación de parcelas para construír un vial “de maneira abertamente ilegal”. Un vial que consistiu en asfaltar un espazo afectado polo dominio público marítimo-terrestre, a poucos metros do mar, para crear as condicións necesarias para permitir a edificación dos chalés, e que motivou a apertura dun expediente sancionador por parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e a paralización das obras por parte do Xulgado Contencioso Administrativo. “Un vial que foi entregado ao Concello pero que nin sequera figura no Inventario de Bens do Concello que se vén de actualizar”, remachou Igrexas.