O BNG de Vigo rexeita o “exhibicionismo” de Abel Caballero coa política social mentres recorta as axudas
A fronte nacionalista denuncia a “insensibilidade” do Goberno municipal no actual contexto de agravamento da crise cun “tesoirazo” do 22% nas axudas de emerxencia
Xabier P. Igrexas: “Resulta ofensivo ver como o alcalde utiliza a concesión de 150 axudas sociais como un elemento máis da súa campaña de propaganda e autobombo”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeita o “exhibicionismo” de Abel Caballero coa política social do Concello mentres recorta as partidas nesta materia. A fronte nacionalista denuncia a “total insensibilidade” do Goberno municipal do PSOE por ter imposto no orzamento deste ano un “tesoirazo” do 22% para axudas sociais de emerxencia, nun contexto de agravamento da crise con millares de fogares “a pasalo realmente mal”.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “bochornoso e ofensivo” que o alcalde anunciara este pasado mércores a concesión de 150 axudas sociais “como unha medalla electoral dentro da súa permanente campaña de propaganda e autobombo”. Nese sentido, contrapuxo estas declaracións do rexedor coa “realidade dos datos”, lembrando que o Goberno local deixou sen gastar o pasado exercicio máis de 300 mil euros destinados a estas partidas de emerxencia.
“O BNG esiximos a Caballero respecto e unha rectificación radical do sentido das prioridades”, asegurou Igrexas
Lamentou que o Concello vaia dedicar este curso máis recursos a subvencionar aeroliñas privadas en Peinador que a enfrontar a “gravísima” crise que atravesa a cidade, onde continúa habendo máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza.
“Hai millares de viguesas e vigueses que se ven obrigados a acudir ás filas da fame, a organizacións asistenciais ou comedores sociais para garantir algo tan básico como a súa propia alimentación”, afeou o concelleiro do Bloque, que reclamou solucións urxentes para as demoras de varias semanas para conseguir unha cita cos servizos sociais municipais e para as Unidades de Traballo Social de Teis e Coia, con horarios limitados pola falla de persoal.
Fronte a esta situación, o candidato nacionalista reiterou a esixencia do BNG de mobilizar todos os recursos e capacidades do Concello de Vigo para convertelo nun “verdadeiro parapeto social” para protexer á poboación máis vulnerábel e combater o crecente empobrecemento.